Adeus a Isaac

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Na historia da Galicia do pasado século hai dous grandes esteos sobre os que se alza a memoria da cultura e a dignidade democrática do galeguismo: a editorial Galaxia (1950) e o Laboratorio de Formas de Galicia (1963). Dous ríos que nos alimentaron e que avanzaron xuntos durante moito tempo. O primeiro naceu da man de Xaime Isla Couto (que aínda segue entre nós) e de Francisco Fernández del Riego, aos que se sumou axiña Ramón Piñeiro. O segundo, soñado inicialmente no exilio de Buenos Aires e materializado despois no complexo industrial e cultural de Sada e Sargadelos, xorde da iniciativa e talento de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Fóisenos Isaac. Paseniñamente, coa discreción e a elegancia que o caracterizou sempre, vaise unha xeración fundamental, a dos grandes mestres, iso que nos libros denominamos «galeguismo histórico» e que vén ser a xeración dos maiores, o discurso (e o exemplo) dos pais, que nos fixeron como agora somos. Sobre eses dous principios, que á súa vez continuaban e collían o relevo da xeración Nós, as Irmandades da Fala, o galeguismo republicano de Castelao, Villar Ponte, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, rexurdiu un alento que moitos daban por perdido e que agromou en novas xeiras, gallos novos da árbore común, bastante máis vizosa do que imaxinamos.

«Unha xeración de fracasados», dicía ás veces Isaac, se cadra porque nunca logramos plenamente o que soñamos. Sempre me pareceu inxusta esta observación. Todo o que somos, sómolo grazas a eles: á súa intelixencia, ao seu talento, á súa teimosía e á súa xenerosidade. O que algúns chamamos «galeguismo civil», espazo de labor común por riba de diferenzas e posicionamentos ideolóxicos, lexítimos e necesarios nunha sociedade complexa, é o resultado dese esforzo e desa intelixencia estratéxica. O país facémolo entre todos. O pasado venres, na despedida de Isaac, estabamos todos (case todos) os que cremos que a herdanza que nos deixan é un patrimonio irrenunciable para seguir avanzando nesa Galicia nova, moderna e integradora que os devanceiros soñaron.

Non é posible reducir a Isaac nunha única definición: ceramista, artista plástico, escritor, animador cultural, editor, empresario... A luz da súa personalidade reflicte nas mil caras do diamante. Mais se tivese que salientar algunha por riba das outras, eu salientaría a de emprendedor. Non exactamente empresario. Emprendedor. O proxecto do Laboratorio de Formas que un día animaron Seoane e Díaz Pardo, acompañados doutros, é un dos grandes exemplos da modernidade da cultura galega. Mágoa que nos últimos anos tivese que padecer ese calvario de ver como os que deberían ser os seus continuadores o deixaron á marxe. Este é outro capítulo, que non é cousa de comentar agora. Emprendedor. Con todo o que iso significa: risco, intelixencia, capacidade de adaptación, sempre ao servizo dunha causa á que endexamais renunciou, formaba parte do ADN esencial de todos eles: a razón de Galicia, a dignidade da nación dos galegos.