Grave aserto pero tamén de moi doada confirmación. É manifesto que existe, pero baixo outras maneiras que pouco teñen que ver coas que padecemos durante o réxime anterior. Pero tan ferreña como aquela por máis que non se impoñan sancións, nin peches de xornais, nin haxa expedientes represivos.
Iremos dereitos aos feitos de todos sabidos: a escritores ben coñecidos, profesores de sobranceiro currículo, economistas cunha obra coñecida e moi valorada no mundo académico e fóra del, e deste país, négaselles toda posibilidade de publicar nas páxinas dalgúns xornais, xustamente nas de aqueles que máis emparentados están co gran capital ou a banca.
¿Lembra alguén ter visto nesa prensa artigos asinados por Vicenç Navarro, por Juan Torres, por Arcadi Oliveres e outros? Pois claro que non, feito, polo demais, que eles mesmos denunciaron unha e outra vez -e fan ben-, sen quen nada en contra se aducise por eses medios. Pero esa mesma prensa abriuse por enteiro para publicar hai tres anos o manifesto daqueles 100 economistas ao servizo da banca.
E non só eses 100, senón todos os demais que enchen as páxinas económicas e de opinión deses xornais. Si á exclusión dos economistas críticos e si a inclusión de todos os demais. Abonda, para ter total seguridade do que dicimos, con botar unha ollada ás colaboracións e colaboradores dos catro ou cinco xornais de máis circulación deste país.
Esa exclusión só pode ter o nome e a conceptuación de censura. Pero tal situación, que o Goberno anterior consentiu e que o actual apoiará de cheo («sin complejos»), pode ser ilegal e en calquera caso é fraudulenta. Porque é discriminatoria e porque demostra unha grave falta de conviccións democráticas en certos poderes moi fortes e non sempre na sombra.