N on está mal o detalle de Feijoo de cumprirnos o gusto e antepor a palabra cultura na denominación da nova consellería. Máis alá do xesto, ignoro se ten intención de comprender que a cultura galega supón o 2 % do PIB, igual que descoñezo se foi simbólica a elección do artífice do decreto do galego como secretario xeral de Cultura.
Como somos desmemoriados, cómpre dicir que Anxo Lorenzo non cumprirá a máxima «detrás de min virá quen bo me fará» se atendemos a fitos esenciais do cesado Roberto Varela, como a mala xestión do teatro público e as industrias culturais, os criterios sui generis para axudar á produción editorial, a anulación do tecido asociativo e a promoción da falacia de que todo o de fóra é mellor. Visto isto, Lorenzo ten fácil mellorar na posta en marcha de novos criterios de xestión. Pero o seu verdadeiro reto é restablecer as relacións cun sector que se sentiu desprezado polo pailanismo internacionalista e a mirada paternalista que esquecía que o principal capital cultural dun país é a súa capacidade para xerar recursos cos que medrar e facerse universal.
Sei que moitos pedirán a miña cabeza por isto, pero coido sinceramente que se alguén no actual panorama institucional pode levar adiante ese reto, ese é o Anxo Lorenzo da disfunción sociolingüística do pasado que sabe que os desprezos á identidade cultural diferencial fan perigar a nosa (e a súa) razón de ser. Lorenzo, malia o decreto, é un convencido desa identidade diferencial e ten agora a oportunidade de demostralo se toma decisións que non nos maten e emprega a súa característica temperanza para achegar a cultura institucional á cultura verdadeira de Galicia.