V olvemos unha vez máis a Neil Postmann (Technopoly, 1992), o sociólogo americano tantas veces citado nestas páxinas: «toda cultura está obrigada a pactar historicamente coa tecnoloxía do seu tempo. E a que non pacta, desaparece». Sucedeu co alfabeto, sucedeu coa imprenta, sucedeu co cine e a revolución audiovisual, e sucederá irremediablemente coas chamadas novas tecnoloxías da comunicación, que son estas de agora (a informática, as redes) igual que antes foron novas as outras.
O rebumbio que se está a montar estes días co peche gubernativo en USA dun gran portal de distribución e descarga gratuíta de contidos a través de Internet, principalmente contidos audiovisuais relacionados coa industria do lecer, e mais a reacción do sector máis activo de usuarios da Rede (Anonimus) contra estas medidas, é un novo capítulo dun proceso que hai tempo que resulta imparable, e que en realidade non fixo máis ca empezar: unha pinga na inmensidade do océano. O mundo é un gran espazo de comunicación, e o que se anuncia nada ten que ver coa realidade dos nosos pais, nin sequera coa realidade que hoxe habitamos. A aceleración é tan forte que nos sobarda. Intento explicárllelo ás veces aos meus alumnos. ¿Imaxinades o vida sen a www (1991), sen Google (1997), sen a Wikipedia (2001), por exemplo, ou sen as redes sociais nas que estades decote instalados? Mozos e mozas de 20 anos. En moitos casos, esas redes sociais (Facebook, Twitter) constitúen case que a única fonte de información que os relaciona co mundo a través de mensaxes, notas, comentarios ou referencias compartidas.
A min esta exclusividade (practicamente ausencia total doutros medios), preocúpame. Polo que ten de reducionismo (a Wikipedia converteuse case no referente exclusivo de acceso á información nas universidades) e polo que ten de dependencia ou incapacidade para se desenvolveren noutras fontes de coñecemento, moi principalmente a lectura e o texto impreso. Preocúpame esta realidade, repito. Aos meus alumnos, en absoluto. Naceron nestes hábitos e considéranos non só algo natural senón esencial ao seu concepto de vida, á súa idea de socialización e de liberdade.
E entenden, ademais, que teñen dereito a recibilo todo gratis. Non están dispostos a pagar un céntimo por algo que obteñen de balde. ¿Quen lle pon cancelas a tanta marabilla? O engado da gratuidade é a falacia sobre a que se construíu o modelo. A falacia e a trapela. Tamén o principal engado para a masificación dos consumos, nunha oferta global aparentemente inesgotable. ¿E se alguén pecha a billa? Non desbotemos esta posibilidade. O gran negocio fixérono as operadoras de transporte (as telefónicas) e os fabricantes de cacharros (computadoras, lectores varios, telefonía móbil): conéctense vostedes, que o mundo é gratis. Ninguén cuestiona o pago desas conexións, nin as tarifas, consumos imposibles de controlar, accesos a plataformas das que apenas sabemos nada. Diso ninguén fala, cando a cuestión de fondo deberiamos empezar a enxergala precisamente dende este lado.