Entre cans e outras bestas

OPINIÓN

23 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A un, que naceu e se criou fóra da cidade, cústalle traballo comprender como se pode ter un can pechado nun piso. Pero cada un é libre para facelo ou para deixar de facelo, e aínda para sentirse ben a gusto co can pechado nunha situación para moitos ben anómala. Pois trátase de algo que só afecta ao can e ao seu dono, e alá eles.

Pero o que non se entende é que cans perigosos, tipo dóberman ou rottweiler, por exemplo, cans de ataque, aparezan soltos en praias e paseos, e cada vez con máis frecuencia, cun dono que se alporiza se un lle di que está creando un grave risco para a xente, un risco que ben pode ser mortal.

Un tampouco entende nin comprende a lasitude das autoridades dos nosos concellos, que nin prestan a menor atención aos casos de manifestas infraccións da legalidade vixente, nin fan o menor esforzo por evitar que, a horas coñecidas e reiteradas de cada día, certos donos exerzan o incivil costume de levar soltos ese tipo de cans a lugares públicos e moi concorridos.

Quizais habería que empezar por coñecer ben se os donos deses cans son xente con eivas psicolóxicas graves, xentes que se senten máis seguras levando cando a eles cans agresivos, de maneira que estes veñen ser unha sorte de complemento da súa probe e triste personalidade facareña. Como certos condutores que gozan con exhibir o seu primitivismo ao volante. Nese caso, imporíase a reeducación.

E, en calquera outro, cumprir e facer cumprir as normas que para eses casos existen e son ben coñecidas.

O seu manifesto incumprimento, por uns e por outros, orixina un risco moi grave, crea situacións de incomodidade innecesaria e son sempre un abuso a que é sometida a xente pacífica que só pretende dar un paseo en paz, á marxe dunhas e doutras bestas.