Algo non funciona na máquina cando unha peza da calidade moral e da significación do xuíz Baltasar Garzón salta polos aires desta maneira. Levo anos seguindo as súas actuacións e coñezo a solidez dos seus principios. Outra cousa son os erros que como calquera profesional poida cometer, mesmo por exceso de celo, moito máis cando un se move no gume na navalla. Nunca se levantaría o operación Nécora (1990) nin a operación Pitón (1991), fundamentais para frear a escalada do narcotráfico nas rías galegas, se non fose deste xeito, cando as nais das vítimas (moreas de rapaces e rapazas estragadas pola heroína) petaron desesperadas na porta da Audiencia Nacional e as escoitou por primeira vez, cousa que outras autoridades non fixeron, porque preferían mirar cara a outro lado. Nin a loita contra o terrorismo de Estado no caso dos GAL, nin as actuacións contra ETA e a súa contorna. Non digamos a proxección internacional da xustiza universal, concepto novo, aínda que con raíces históricas, que el activou na pasada década e que culminou con transcendentais actuacións na Arxentina, contra o Chile de Pinochet e a complexa trama da operación Cóndor, estratexia de represión e terror na América Latina a partir dos anos setenta.
O currículo do xuíz non é unha anécdota; responde a unha concepción profunda da xustiza, comprometida coas vítimas que padecen a historia, por riba das razóns de estado e os intereses das altas esferas, tan dadas a mirar para outro lado, repito. O caso Gürtel ou o proceso da chamada «memoria histórica» polo que está a ser agora xulgado (e condenado), son novos capítulos desa mesma actuación, valente e coherente.
Estes días, o correo electrónico arde de indignación. Indignación e impotencia. É moi difícil de explicar diante da sociedade, e nos foros internacionais, esta estratexia de acoso e derribo. Non sei definila doutra maneira. ¿Un axuste de contas? Que cada quen tire as súas conclusións. O sistema xudicial en España é outra das cuestións pendentes da democracia. A relación entre o castigo (a sentencia do Supremo expulsando o xuíz da profesión) e os posibles erros de actuación do maxistrado é tan desproporcionada que resulta socialmente escandalosa.
As asociacións cívicas contra a droga e o narcotráfico, que xurdiron en Galicia coma un movemento de base contra a posible sicilianización da nosa sociedade, están desoladas. Hai anos escribín neste mesmo lugar sobre a significación deste xuíz no proceso de civilización da nosa sociedade, na recuperación da nosa dignidade: a dignidade das vítimas, incluída a recuperación do pazo de Baión para a rehabilitación de drogadictos, por exemplo, a partir dos bens incautados ao negocio do narcotráfico. Daquela, os rapaces das rías querían ser narcotraficantes, degradación moral das nosas familias. Algo debemos a este home. Dende Chile, dende a Arxentina preguntan como é posible o que está pasando. E un non sabe que dicir. Algo non funciona no sistema. E sospeito que, dun xeito ou doutro, todos temos responsabilidades.