Aprender a ser artista

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

H ai quen cre que para ser artista abonda o talento. Pero neste tempo de titulite, o talento suponse se se ten o papel que demostra catro anos de ensino superior. Os artistas tamén: para dirixir o Centro Dramático Galego esíxese un título, igual que para acceder a unha orquestra non abonda con saber tocar o violín. O talento modélase e perfecciónase, e a un artista, ademais, esíxenselle sempre uns coñecementos técnicos e culturais difíciles de resolver con talento. Por iso existen no sistema educativo unhas ensinanzas nas que se dá esa formación integral a artistas, e son, créanme, das carreiras máis escravas e traballosas que hai. Que un mozo elixa, despois de rematar 2.º de bacharelato, ser director de orquestra, actor ou restaurador require un mínimo de catro anos de formación co mesmo número de horas que outro título de grao. En fin, que leva o mesmo ser escenógrafo que mestre, e este país considera Maxisterio un grao e Escenografía non.

¿Por que escribo isto? Porque estas ensinanzas, adaptadas ao Plan Boloña, non se recoñecen agora como graos, e, por tanto, fican nun limbo de feas consecuencias. Un aspirante a actor que bota catro anos na Escola Superior de Arte Dramática con asistencia a clase obrigatoria 6 horas de mañá e 5 semiobrigatorias de tarde carece de dereito a bolsas, sistema de residencias e capacidade investigadora. Deixando á parte a percepción social menor de todo o que non é Universidade. Por iso os centros superiores de ensinanzas artísticas de Galicia piden integrarse na universidade, única institución capacitada para expedir títulos de grao. Señores conselleiro e rectores, admitilos non custa cartos, e é xusto.