Salutación á primavera

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

25 mar 2012 . Actualizado a las 08:00 h.

Pídolle prestada a cabeceira a Rubén Darío Basualdo, neto do poeta Rubén Darío, poeta el tamén, que publicou un libro con este título en 1946 (Buenos Aires): Salutación a la primavera. O seu avó foi máis directo, ou máis entusiasta: Salutación del optimista. Pero non sei se os tempos dan para tanto. Quedémonos coa primavera. Entrou a luz con tanta forza esta mañá que non puiden resistirme. A luz e o arrecendo da terra, cos primeiros gromos a abrochar na pereira do xardín e a saiba a rexurdir nas roseiras. A luz e o cariño dos veciños que, de súpeto, presentáronseme na casa con dúas camelias novas: unha para transplantar, xa grandiña, e outra nun testo. «Son netas da que se lle foi», espetáronme. O que conto é certo, e quero manifestar aquí o meu agradecemento, como foi certo o caso que xa contei aos lectores nestas mesmas varandas: a vella camelia centenaria, inzada de flores brancas, como repolos, que para darlle un pulo de mocidade chapodei con tan pouco talento e de tal maneira que aquí está, infartada, defunta, un estafermo de madeira morta a carón da casa.

«Poña outras», aconséllanme. A nosa xente da aldea sabe que a vida segue. A xente da cidade tamén, pero doutra maneira. Na aldea, en contacto cos ciclos da natureza, estas cousas percíbense mellor. Poña outras... Contei nestas páxinas a defunción da vella camelia porque me parecía, e segue parecéndome, unha metáfora do que se está facendo coa economía, coas potencialidades do país. As tesoiras de chapodar son un perigo. Empezas e non sabes onde rematas. Se alguén pensa que con recortes e demoucas imos arranxar a situación, abofé que está trabucado. A burra do conto afíxose de tal xeito a non comer que, ao final, acabou morrendo. ¿É o que queremos? Alguén ten que darse de conta. Seica a socialdemocracia francesa empeza a argumentar nesta dirección e convida aos alemáns e ao resto de Europa a que faga o mesmo. Non é un problema exclusivamente noso, é o modelo, imposto dende a dereita dominante (encabezada pola Alemaña de Angela Merkel) que está a baleirar de contido, e de recursos, a propia Unión Europea.

¿Como afrontar o futuro sen crecemento? ¿E como crecer sen recursos? As estratexias de investimento público están para incentivar a economía, non para afogala. Certo que viviamos cun exceso de alegría, se cadra tamén de irresponsabilidade, mais irresponsabilidade tamén é pensar que rabenando cabezas imos conseguir algo. O corpo social non son os mercados. O corpo social ten cara e ollos, homes e mulleres, familias, medianos e pequenos empresarios, traballadores, sobre os que está a caer o peso dunha situación que non xeraron eles, convén non esquecelo, senón a dexeneración dun modelo (o capitalismo neoliberal dominante, enlouquecido de ambición) que nos meteu nun pozo do que, por riba, queren saír indemnes: que os pratos rotos os paguen outros.

Nestas estaba cando apareceron os veciños coas cameleiras novas e outras dúas que veñen de camiño. A vella alá vai, porque non ten remedio. «Deixe de chorar, que non vai con vostede. Hai que poñer outras». Pois talmente.