Unha crónica particular

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

D ona Remedios está nisto das preferentes. «Colléronme as preferentes», di ela. Á súa idade non ten grandes necesidades, ou non debería telas. Pero aforrou algúns cartiños, en parte herdados do seu defunto marido, e meteunos nos bancos. ¿Onde habían estar se non? ¿No calcetín? O que lles pasou aos arxentinos parecía imposible que aquí pasase. Han ser uns sesenta mil euros, logo de moitos anos. Estaban alí. E agora que o fillo quedou sen traballo e non dá pagado a hipoteca da casa, con dous netos que ten, pensou que podía botar unha man. Para iso están as nais. Para axudar aos fillos, moito máis no seu caso, que non ten outro. O rapaz leva media hipoteca pendente e os bancos vanlle enriba. Para librar a canga, ou axudar a librala, dona Remedios pensaba botar man dos sesenta mil euros, que para iso os foi xuntando, coma os vellos de antes xuntaban as leiras para un caso de necesidade, unha urxencia. Pero pillárona as preferentes.

Dona Remedios non é muller cobizosa, nin foi nunca pola vida con ansias de ter máis. Pero tampouco é parva. Ela escoitaba arredor: ofertas dos bancos, investimentos na bolsa, rendementos especiais... De moi nova deprendera que o diñeiro parado non fai nada, que o diñeiro hai que movelo, poñelo a producir, se non en empresa propia, que non a tiña, nas mans de alguén que soubese e puidese aproveitalo, deixándolle algunha parte dos gaños. Para iso estaban os bancos, e a directora da sucursal do barrio andaba todo o día dalle que dalle: porque as ofertas eran estupendas e cumpría aproveitalas, que logo pasa o día e pasa a oportunidade, sen riscos, «cando o precise o retira, ¿onde vai estar mellor?».

Falou coas amigas e algunhas tamén entraran. A rapaza da sucursal era de fiar. Levaba unha chea de tempo na oficina, coma quen da familia. O banco tampouco era dos que apareceran onte. Había que ver o poderío dos anuncios que aparecían por todas partes. Os bancos son o corazón do sistema. ¿Que non pasa por eles? A conta da auga, o consumo da luz, os ingresos da pensión, a contribución, os impostos do municipio, a vella cartilla de aforros, a cota trimestral da parroquia... E alá foi.

Dona Remedios participou na manifestación do pasado xoves, a carón do fillo, que xa dá por perdida a casa. O que máis enrabecha a dona Remedios é que non dean a cara, esta especie de barullo de voces que a confunden e acabarán por volvela tola, sen que ninguén acerte cunha solución á súa confianza. Porque o pecado de dona Remedios foi un exceso de confianza. Non acepta outra razón. Pero ¿que sería de nós se perdésemos a confianza, se ao final deixamos de ter en quen confiar? Confiabamos no Estado, nos gobernantes, nos señores xuíces, no médico de cabeceira, no funcionario que está detrás do mostrador, no garda municipal, na rapaza da sucursal, que por certo xa non está: houbo reconversión e movérona a non sei qué parte. ¿Que está pasando? Contra todo isto é contra o que se foi manifestar o xoves en Vigo dona Remedios. Cos nomes e algunhas situacións cambiadas, a crónica é rigorosamente exacta.