C ando un pensaba que o Manual de Inquisidores do P. Eymeric era o cumio da barbarie procesual, co seu simpliciter et de plano (sen miramentos) por norma cognitiva, pero que nunca chegou a negar a posibilidade de defensa do reo, ao menos de maneira formal, sabemos agora que aquel compendio pode ser superado en ignominia.
Alguén, no século XXI, pode ser condenado sen ser oído, sen sequera dispor dunha acusación formal para alegar a prol do seu dereito, e negarlle calquera forma de discrepancia, isto é, o dereito de todo ser humano á liberdade intelectual. É visto que o sectarismo nos pode facer recuar queimando séculos de conquistas da humanidade.
Vese que hai institucións que negan os dereitos humanos -néganos porque nunca subscribiron a declaración correspondente, como certos países parias-, que teñen a soberbia de erixirse en posuidores da verdade, de administrala e de impoñela, rara maneira de entender a caridade cristiá ou a doutrina do sermón da montaña. Torres Queiruga é autor, como sabe calquera que teña unha mínima información cultural, dunha obra que mereceu o respecto dos grandes teólogos europeos e non europeos. Sen piedade, a burocracia eclesial -que non é filla do sermón da montaña-, actúa contra el, incluso máis alá do simpliciter et de plano que aconsellaba o P. Nicolás Eymeric. Un, que neses eidos do saber é leigo, ten dereito a preguntarse se pode haber unha teoloxía (ou unha represión da mesma) sen o menor miramento pola caridade e polo sentido común; se iso explica en boa parte a crecente deserción dos crentes; se, ao día de hoxe, pode ser substituído o poder da razón polos fungueirazos dos actuais inquisidores.
E que terá que ver todo isto, e moito máis, coa doutrina de Xesús de Nazaret.