Algúns clásicos da economía consideran que a forza ou mesmo a viabilidade dun país, unha nación, un estado, calquera comunidade, é o resultado dunha ecuación na que operan dúas variables: o Territorio (T) e a capacidade de xerar coñecemento (S). A fórmula é P=f(SxT). O territorio vén dado. Defínese pola extensión, polas súas riquezas naturais e pola demografía. O segundo compoñente é a cultura, a ciencia e a tecnoloxía: a capacidade do grupo para producir coñecemento, que é o factor básico para comprender e transformar a realidade, para producir factores de cambio e mesmo para aproveitar chegado o caso as posibilidades da primeira variable. Fundaméntase este segundo compoñente basicamente na calidade de formación do capital humano.

As grandes potencias con territorio dispoñible e competitivo son os Estados Unidos, China, Brasil e acaso no futuro Australia e máis a India. Europa ten problemas pola súa falta de unidade para operar en conxunto, en parte porque o seu territorio, dividido en Estados, carece de demografía ou recursos naturais xenerosos para competir con aquelas potencias (consolidadas ou emerxentes), e en parte porque carece dunha política común asumida que aproveite as súas potencialidades nunha dirección integradora. Historicamente, a forza de Europa residiu sempre na segunda variable: na súa capacidade para producir ciencia e tecnoloxía, cultura, coñecemento.

As últimas decisións do Goberno español (e galego), avivadas sen dúbida polo modelo dominante que inspira a política europea, resultan dende este punto de vista (a ecuación á que facemos referencia) certamente preocupantes. ¿A onde nos queren levar? Pero máis preocupante aínda é a ausencia dun discurso estratéxico. Os técnicos teñen o seu papel. Non é cousa de discutilo agora. Mais o papel dos políticos é fundamental. Ao político corresponde o deseño de futuro. Sen ánimo de minorizar a ninguén, un ten a sensación de que estamos rodeados de contables empeñados en aplicar receitas de redución de custos, adelgazamento máximo de recursos, obedientes a ditados alleos, sen que ninguén explique a onde queremos ir. Nunca necesitamos tanto de discurso político.

Galicia (tamén España, e Europa) precisa dun proxecto de futuro que non se albisca. ¿Que Europa queremos? ¿U-los líderes, os pensadores, os estrategos dese proxecto compartido, que tanto nos ilusionou hai dúas décadas, e que soñaban tamén os devanceiros? ¿Onde se atrancou a viaxe? ¿Para que tanto sacrificio? ¿E Galicia? O noso territorio é pequeno. Mais pequena é tamén Dinamarca, ou Finlandia, por poñer dous exemplos, dotadas nembargantes de capital humano: ciencia, tecnoloxía, coñecemento. Reducir os recursos en educación, investigación (I+D) e universidades é unha política suicida. Só con desenvolvendo e investindo na segunda variable da ecuación (S) teremos algunha posibilidade. ¿Sabemos exactamente o que estamos facendo?