E staba cheo de razón aquel político italiano que dixera que na política española «manca finezza». E hoxe volvería dicir o mesmo, pode que aínda con máis razóns, infelizmente. Pois falta de «finezza» é o que agora máis se bota de ver na política española, tanto na política interior como na exterior.
Na política exterior son ben coñecidos os trasacordos, dende dicir -unha moi descomunal imprudencia- que ninguén de Bruxelas nos daría ordes ata deixar que nos veñan inspeccionar as nosas contas, dende sinalar nós o déficit que estamos dispostos a admitir ata pedir que non nos atormenten con ruxerruxes que poñen en perigo a nosa credibilidade, entre outras moitas babecadas.
Na política interior -por nos referir tan só ao que pode ter máis transcendencia externa- temos chegado á peor das decisións: poñernos ao abeiro, moi satisfeitos, da maioría absoluta para negarnos a pactos coa oposición e demais grupos, incapaces de entender que nada é mellor para lograr a falta de credibilidade no exterior. ¿Será posible facelo peor?
É visto que os que nos gobernan nin de lonxe se decatan de que vivimos nun mundo interdependente (que o é, para máis, dende hai moitos anos, o que non é nada novo), algo que sabe calquera cunha cultura elemental e que un político non pode descoñecer ata o punto de actuar de costas a realidade tan manifesta.
É curioso: xusto o nacionalismo español do que provén o PP está embazándolles, ao noso ver, aos novos gobernantes a súa visión da realidade e, maiormente, a da realidade supranacional e interdependente do noso mundo. Isto xa non é só falta de «finezza», senón máis ben cegueira absoluta. A realidade de cada día non nos deixa chegar a outra explicación máis acaída. O noso futuro vai ser moi imperfecto.