D espois de perder algúns anos aplicando medidas económicas erradas, que calquera sabía que o eran e que darían un resultado contrario ao que se procuraba, parece que agora, en xeral, os países europeos se decatan de que o crecemento da economía, e as medidas para conseguilo, son o problema, non o déficit.
E para chegar a esa conclusión, á que calquera podería ter chegado con ter unha idea de historia económica, foi necesario acabar de afundir a Grecia e a Portugal, e a outros países europeos que levan o mesmo camiño -España incluída- condenándoos á pobreza, pode que por moitos anos, e ao desespero.
Pero agora a prensa faise eco, e o mesmo Fondo Monetario Internacional, do fracaso absoluto da política de austeridade promovida pola nefasta señora Merkel co apoio do non menos nefasto señor Sarkozy, e todo parece indicar que, empuxada polo señor Hollande, a política económica europea vai dar un xiro radical e, despois de tanto tempo perdido, ocuparase do crecemento e das medidas que este require.
O asombroso é que, xusto cando isto sucede na Europa máis próxima a nós, o presidente do Goberno proclama solemnemente o contrario, e ten o valor de mostrarse moi satisfeito da súa política miserable de privatizar, rabenar dereitos e acabar con moitos anos de conquistas dos traballadores e de cultura europea da solidariedade. ¿En que mundo vivirá este suxeito? ¿No de Botín e de Florentino Pérez?
Porque xa se ve que a frivolidade é a política dalgúns, e moito nos tememos que unha vez máis nos quedemos fóra do noso mundo máis próximo e non nos decatemos para sempre de que a austeridade teutona é un grandísimo erro, e sigamos na teima de identificarnos con políticas fracasadas no mundo enteiro e se, tamén unha vez máis, nos poñemos á marxe da Europa civilizada.