Nobel de célula e cancro

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

O s humanos comezamos a nosa existencia sendo unha única célula (o zigoto), que se empeza a multiplicar ata chegar aos miles de millóns que nos compoñen na fase adulta, onde as nosas células se seguen a duplicar para reparar os tecidos ou repoñer a outras mortas. O proceso está regulado por unhas moléculas chamadas ciclinas, descubertas polo bioquímico británico Tim Hunt; un fito na historia da bioloxía que o levou a gañar o premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina no 2001. O descubrimento de Hunt permitiu comprender como a información xenética -contida nos cromosomas- se reparte de modo equitativo entre as dúas células fillas resultantes da duplicación. Este proceso debe ocorrer dun modo moi preciso en tempo e forma, e o reloxo que o controla son as ciclinas. Cando o reloxo funciona mal aparecen enfermidades coma o cancro; de feito, a alteración das ciclinas é unha característica observada en numerosos tumores humanos. Hunt chega mañá a Galicia. Durante a súa estadía manterá contactos con varios científicos galegos do ramo e aproveitará para contarlle á xente de a pé o seu traballo.