Falar galego en Rianxo

OPINIÓN

17 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Este ano celebrei o Día das Letras Galegas no Instituto Félix Muriel, de Rianxo, ao que fun invitado polo Departamento de Normalización Lingüística para participar no programa «O galego serve para todos os actos».

O que fixen alí, o pasado luns, foi falar da crise, dos seus aspectos políticos e das súas causas e consecuencias económicas, poñendo en relación os feitos que vivimos e as políticas que facemos coa construción da Unión Europea e cos procesos de globalización da economía e da cultura. E o que debía conseguir era que os alumnos escoitasen falar en galego, con plena normalidade, das mesmas cousas que oen a diario nos medios de comunicación -a prima de risco, a señora Merkel, o FMI, a nacionalización de Bankia, as receitas de Paul Krugman e as apostas de Hollande polo crecemento da eurozona- referidas sempre á prensa e radio de Madrid (en castelán), a The Financial Times ou The Washington Post (en inglés), ao Frankfurter Allgemeine Zeitung (en alemán), ou a Le Monde (en francés).

Visto o resultado, e a participación dos alumnos, teño a absoluta seguridade de que o programa deseñado polas profesoras do Departamento de Normalización Lingüística do IES de Rianxo constitúe un paradigma acaído para a celebración dunha data que, a pesar da deficiente xestión que se fixo dela dende os anos noventa, segue sendo importante para a nosa cultura e para a nosa lingua, e que, como primeira conclusión, debería volver a celebrarse en día lectivo e laborable, para non ter que esvaer o seu significado en diferentes actos dunha semana que sempre resulta mal aproveitada.

Tamén é un enfoque acaído porque, nun pobo coma Rianxo -berce de Castelao, Manuel Antonio e Dieste- conecta coa idea de crear cultura e dialogar coas outras culturas en galego, xa que só así poderemos facernos partícipes, como pobo, como nación e como cultura, do destino global que nos abrangue e determina, e das políticas que, elaboradas cada vez máis lonxe, e para ámbitos máis extensos e diversos, corren o risco de resultarnos alleas, ao non vermos reflectidas nelas as nosas arelas e inquedanzas. E porque precisamos que os nosos rapaces, que axiña serán mozos dirixentes e contribuíntes do noso Estado de benestar, non entendan que o galego é un sinónimo da literatura, senón o primeiro e principal vehículo da nosa socialización.

A aposta do IES de Rianxo tamén foi oportuna porque hoxe dedicamos o Día das Letras Galegas a lembrar a personalidade e a obra de Valentín Paz-Andrade, que, ademais de pensador e político, foi, sobre todo, un empresario que puxo en valor a marca Galicia e a lingua galega. Un galego exemplar para unha época de forte crise. Porque é moi importante que o Día das Letras Galegas sexa considerado como unha data pragmática e moderna, que é tanto como dicir unha oportunidade para ser e facer país.