Unha sentencia edificante

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

25 jun 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Edificante, exemplar, clarificadora e xusta. Era o que se agardaba despois da resolución que permitiu a legalización de Bildu. Nun e noutro caso, en resume, o Tribunal Constitucional limitouse a aplicar normas de dereito e a refugar as conxecturas, os indicios sen este carácter legal, os antigos certificados de boa conduta.

Esta resolución do TC ratifica unha realidade da sociedade vasca, ao contrario da do Tribunal Supremo, que a descoñecía: a que poñen de manifesto os resultados das eleccións conseguidos polas candidaturas abertzales baixo os rótulos de Bildu e Amaiur. Estar fóra da realidade é sempre tan arriscado como prexudicial.

Celebramos a decisión por canto pon racionalidade nunha situación chea de visceralidade, de prexuízos e de tópicos patrioteiros, lonxe de toda doutrina legal verdadeira, agora si rescatada por aquel tribunal. Bos estariamos se, como semellan pretender o Goberno e o seu ministro de Xustiza, se resolvesen os asuntos nos tribunais por sospeitas, que é o que propoñen, e quixera tamén a minoría do tribunal.

Estes criterios están absolutamente desbotados do mundo do dereito e da práctica dos tribunais. Tamén aquí é así, agás que se trate de realidades que non nos gustan e que, como bos autoritarios que somos, quixeramos suprimir na crenza de que así tamén se suprime o problema. Pero negar a unha opción tan importante como Sortu o seu acceso á participación política sería descoñecer un dereito fundamental.

O escaso bagaxe democrático do país, aínda baixo o peso do autoritarismo de varios decenios, a ausencia de usos democráticos, a nosa ben probada incultura política, a incapacidade xeral das xentes para un xuízo sereno coa parella facilidade para escornar, é o verdadeiro problema. A ver se imos aprendendo.