O secuestro de Carlos Maside

OPINIÓN

02 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha boa parte da obra de Carlos Maside, vinte e un cadros, foi depositada no Concello de Vigo, con suxeición ao seu testamento. Como por aquel nunca se deu cumprimento á vontade do testador -ter os cadros expostos-, estes debían volver aos seus herdeiros, tamén con suxeición ao disposto naquel testamento.

Os herdeiros de Carlos Maside, ao menos dende 1999, ao longo de doce anos, estiveron reclamando a devolución dos cadros, sendo obxecto durante ese tempo das máis inimaxinables descortesías por parte dos funcionarios municipais e responsables políticos de todas as tendencias (PP, BNG e PSOE), o que determinou que se visen forzados a acudir ao xulgado para recuperar o obra depositada.

A sentencia do Xulgado número 11 de Vigo, de 15 de xuño último, non só é contundente no recoñecemento do dereito dos herdeiros de Maside, senón que, ademais, cualifica con acerto de «auténtico calvario» as vicisitudes que ao longo de doce anos de xestións, desplantes e descortesías padeceron os herdeiros do insigne pintor e aínda tamén os seus representantes legais.

O problema xa non é que no Concello de Vigo non haxa a máis elemental cultura artística (ninguén ten tan pouca como para non saber que Maside é un «pintor insigne», como ben di a resolución xudicial), senón este outro: con que dereito o Concello pode privar ao pobo de Vigo da obra dese pintor, que a ofreceu á cidade, e tela practicamente secuestrada dende hai tantos anos.

Cústanos pensar que se trate só de ignorancia. Posiblemente haxa algo máis. Pero o tema aínda non está esgotado: hai quen pensa que a concluínte doutrina da sentencia non abonda e propón que esta se recorra. ¿Rescatado Maside do seu secuestro vigués? Pode que aínda non. Vigo non se merece semellantes miserias.