Os outros Calixtinos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Parabéns. Nin que estivese preparado, coma nos mellores guións das películas efectistas. Doce meses. Xusto cando se cumpría un ano da desaparición. Aínda na marea da semana pasada pediamos explicacións e velaí o final do relato. Un electricista. Tantas voltas, reviravoltas, especulacións, tramas posibles e imposibles, e todo remata nun garaxe do Milladoiro. No libro dos Milagres de Santiago, que é o libro segundo do Códice, cóntanse vinte e dous casos extraordinarios por intercesión do Apóstolo. Haberá que engadir o número vinte e tres, desta vez coa intervención do corpo de policía, que cómpre recoñecer que realizou un traballo impecable. Parabéns. Un esteo capital do noso patrimonio volve ao seu sitio, onde leva máis de oitocentos anos. Seica o presidente Mariano Rajoy entrega hoxe solemnemente o tesouro á igrexa compostelá, coma un Afonso VII dos tempos pasados. Final feliz, mesmo con algúns efectos especiais. Pero ¿e os outros Calixtinos?

O patrimonio histórico é memoria e, ao mesmo tempo, activo social, alento que nos di quen somos, de onde vimos, onde estamos. As sociedades (as culturas) recoñécense a si mesmas na tradición e nos feitos: obras, creacións, referencias que marcan o camiño da historia. Cada peza é parte dun todo, individual e colectivo, que se constrúe ao longo do tempo coma un edificio común. Podémolo ter limpo, valorado, ordenado, ou podemos telo arrombado nos faiados de calquera maneira, trangallo doméstico, coma un artefacto máis. Non digo que fose o caso, aínda que os sistemas de seguridade ben se poden mellorar. O que digo é que hai doce meses ninguén sabía (falo do conxunto da poboación galega) que era isto do Calixtino. ¿Un libro? ¿Un cáliz? ¿Un relicario? Algo gañamos. Os sustos serven para estas cousas. Está ben que saibamos tirar leccións das experiencias. Pero ¿e os outros Calixtinos?

Hai anos podías mercar en Madrid por catrocentas mil pesetas (aínda non había euros) un cruceiro capturado en calquera camiño das nosas aldeas sen que ninguén puxese grandes atrancos á operación. Claustros enteiros desapareceron así. Non digamos o saqueo que dende hai décadas se vén producindo no patrimonio do noso rural: petos de ánimas, santos cacasenos, libros de casas que esmoreceron, pinturas, hórreos, documentos... E o que non está catalogado así: o patrimonio da nosa arquitectura tradicional, por exemplo, estragado pola especulación e a incuria; o medio ambiente (praias, zonas de riqueza ecolóxica, fragas), o casco histórico de moitas das nosas vilas e cidades, a lingua...

A lingua galega tamén é patrimonio: un xigantesco Calixtino. ¿Que estamos facendo con ela? ¿Ímola chorar cando xa non a teñamos? Daquela virán os discursos e os laios, nos que somos especialistas. E o capital humano, a formación das novas xeracións, a tecnoloxía, o coñecemento, que precisa recursos a atencións (políticas de investimento, non efectos especiais, nin remendos). Todo isto é tamén patrimonio, memoria a conservar e transmitir, alento e garantía de futuro.