Semella fóra de dúbidas que, entre as súas motivacións orixinarias, as bandeiras ilustraban aos analfabetos -ou sexa, á inmensa maioría- de determinadas realidades, en especial a de pertencer a unha colectividade, que por aquel entón pouco ou nada tiña que ver co que hoxe entendemos por nación, país, Estado ou comunidade semellante.
Hai que recoñecerlle aos chinos espallados por todo o país, sobre todo con ocasión dos xogos de Sudáfrica, a visión comercial de facer negocio vendendo bandeiriñas que moi logo a xente identificou coa selección española de fútbol e que, máis adiante, se seguen utilizando para subliñar a identificación coa Roja ou para destaque das celebracións que acostuma ofrecernos.
Sospeito que para o común das xentes non é a bandeira das grandes celebracións, que a case ninguén importan, senón a das moi diversas celebracións da tal Roja, como ben demostrou o Mundial de Sudáfrica hai dous anos ou, ben recentemente, o torneo da Copa de Europa. Nin sequera a épica toma dos penedos de Perejil concitou tanto espírito patriótico.
Coido que erran os que pensan que tanta bandeiriña é expresión de patriotismo, máis alá do carácter futboleiro que a cousa agacha. O patriotismo é algo nobre, é unha das máis altas dimensións do ser humano e, como tal, é un ben escaso. Ese suposto patriotismo de bandeira made in China queda lonxe de calquera das acepcións da palabra.
¿Volverán as bandeiras, vistos casos como os da Roja, a ser símbolos que unen aos analfabetos e lle confiren carácter de colectividade individualizada? ¿Ou será que o verdadeiro e único patriotismo das masas é o rudimentario e primitivo dos goles? ¿Ou será que estes xa se identifican co país como motivo principal, quedando este como secundario?