Escindidos e disidentes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

P ois si, son disidente, ¿e? Sempre crin que a disidencia era o primeiro paso para o inconformismo, o sentido crítico e a revolución, e por iso xamais pensei que ser disidente fose malo. Debe de ser porque se me deron ben os verbos difíciles, raros e polémicos, polo que me fixen escritora. Di o dicionario que o significado do verbo disidir é «Separarse da común doutrina, crenza ou conduta». Velaí a escisión. Polo tanto, tamén se podería dicir que os disidentes somos uns escindidos de doutrinas absurdas, de crenzas monolíticas e de condutas paranoicas. Non son a única: Unamuno («Venceréis, pero no convenceréis»), Galileo («eppur si muove»), Winston Churchill (comezou cos Torys), ou Che Guevara («Prefiro morrer de pé»), Castelao, Pedro I o Cru, Otero Pedrayo, Carme Chacón, Ernesto Cardenal, Arianna Huffington, mesmo Fraga Iribarne foi un escindido. Aí teñen os exemplos: a ningún deles lle importou gran cousa o que dixesen as crónicas, e todos creron que, no fondo, os intelixentes aplauden as escisións porque hai que pensar moito máis. Así que, agora que chegou a disidencia ao nacionalismo galego, alguén debería deixar de pensar niso que en política é unha estupidez -a traizón- para comezar a pensar en valentía, e actuar en consecuencia.