Crónica de verán

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

O señor Manuel ten o luns unha cita no banco e aínda non sabe moi ben como facer. A prima anda desbocada (a «sobriña», di el). Así que lle poñen a un a prima diante (a sobriña), xa non se fala de máis nada. Ao final, o negocio é de quen é. Ten un arrastre de 300.000 euros e necesita que lle renoven a póliza. Non a curto prazo, como lle fan agora, reducíndolle de cada vez o capital que lle emprestan, senón cun pouco máis de respiro: a cinco anos, por exemplo. Pero a cousa vén tan xusta que de doce meses non pasa, xuros multiplicados. E todo pola granxa.

O señor Manuel contaba con xubilarse por estas datas, que xa hai tempo que lle chegou a idade. Leva dende os catorce anos bourando. Pero quén pensa niso. Mesmo convenceu ao fillo máis pequeno para que se quedase, polo aquel de continuar o que xa levaba feito, e porque -pensaba el- a terra é sempre a terra, non a imos deixar a poulo, nin para que veñan outros e arramplen cos eidos de calquera maneira. O señor Manuel é dos que lles seguen poñendo nome ás vacas. Cerrou tratos cos veciños e os propietarios de arredor para que as cortiñas que ían quedando a silvas llas deixasen traballar, poñer a millo, dúas colleitas de herba na primavera, e avivado polos bancos e os consellos dos que algo sabían animouse a mercar cotas cando as restricións: andou o norte todo de España, dende Asturias a Aragón negociando cos que se quedaban.

Endebedouse, o señor Manuel. Non para si. Para a granxa: por ver as catro vacas dos pais multiplicadas. E para os fillos. Mesmo tamén polo orgullo de non abaixarse. Hai cousas que só se explican co corazón. Mais o prezo do leite está xa por baixo do que ten que pagar polos pensos, e a maiores está o mantemento das cortes, nas que tamén houbo que meter diñeiro para telas competitivas, e a luz, a maquinaria, o tractor, o gasoil, a cooperativa, o veterinario...

O fillo pequeno foi o primeiro que veu para a casa. Xa é un home. Os outros dous, un rapaz e unha rapaza, quedaron a traballar fóra. Os tres pasaron pola universidade, un orgullo do vello, aínda que só dous acabaron: o máis novo e a rapaza. Mais esta volveu o ano pasado, co xenro e un neto. Cerraron (reaxustaron) o colexio onde daban clases (licenciados en Filoloxía Inglesa) e dende entón o xenro bota unha man nas cortes e nas muxidoiras. Malia non ser do país, dálle xeito e enténdese co cuñado. Seica o fillo máis vello vén a pasar agora un días de vacacións. Anda de viaxante. As cousas tampouco pintan demasiado ben por este lado.

Houbo un tempo en que o señor Manuel e a muller empezaron a falar de qué farían cando non quedase ninguén na casa. ¿Vendelo todo? Foi entón que regresou o fillo máis novo. Daquela volveron coller pulo, ilusión, porque as cousas vense doutra maneira cando hai horizonte. E agora, o neto, ¡ese peizoquiño novo a brincar entre as silveiras! Di o señor Manuel que, ao final, a familia é a familia. Coma nos antigos tempos. «Xuntos resistiremos», e se lle acenden os ollos pensando no pequeno. O malo é a cita do luns no banco.