Desprestixio xeral

OPINIÓN

30 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Moi mala cousa é para o ben do país o desprestixio internacional de España orixinado no que vai de ano. Nos países serios do noso arredor, e aínda máis alá, non entenden o ataque, dende o Goberno, a institucións clave como poden ser o Banco de España, ao seu gobernador (calquera que sexa a opinión que nos mereza) ou aos máis altos tribunais do país.

Menos aínda poden entender fóra picarescas tan marrulleiras e miserentas como ocultarlle ao Congreso e ao país documentación con contidos relativos ao rescate, información que outros países fixeron circular sen pexas en inglés e que permitiu que aquí tivésemos información cabal sobre cuestións que o Goberno pretendeu ocultarnos.

Tampouco poden entender os nosos veciños, entre tantas outras cousas típicas deste país, non só a nosa corrupción xeneralizada, senón a indiferenza da sociedade e as mornas reaccións do poder, cando non o seu encubrimento dende o mesmo poder. Non é que nos teñan xenreira, como algúns suxiren; só pensan, e pensan ben, que non somos xente de fiar.

¿Será consciente o Goberno do que significa politicamente para o exterior a súa manifesta incapacidade, nunha situación de emerxencia como a actual, para pactar coa oposición? ¿Ou esa proposta de lei, verdadeiramente abortiva, que arestora está cociñando o ministro de Xustiza, revestido, cal aiatolá, de turbante e túnica folgada?

Infelizmente, o rescate total de España pode non estar moi lonxe -é o que cómpre agardar xa que o presidente di que diso nin falar-. Pero hai aínda algo peor, para o que este si que estivo facendo moi brillantes méritos: que, como xa sucedeu en Grecia e en Italia, os mercados nos impoñan a un tecnócrata que sexa garante dos seus intereses. Algúns pensan que isto non sería o peor.