En las rías dicimos mirar. Cando eramos nenos, os nosos pais nos sacaban as tardes dos sábados a mirar escaparates. Era a práctica habitual. Vestíannos coa roupa de paseo e percorriamos as rúas mirando os comercios. Non gastabamos nada. Os nosos pais, quero dicir. No mellor dos casos, algunha lambetada para os cativos. Este ano, na feira do libro da Coruña foi algo así. «Moita xente -comentan os libreiros-, pero pouco gasto. Se antes mercaban dous ou tres libros, agora miran, picotean nos mostradores e, cun pouco de sorte, levantan un». Os empresarios da hostalería seica están nas mesmas. As visitas non faltan, os veraneantes tampouco, pero o gasto minguou espectacularmente. Din os de Santiago que están por debaixo do 20 % dos ingresos do ano pasado.
A señora Kirchner, presidenta da Arxentina, declarou que a crise de España e da UE é moi semellante á do seu país nos anos 90. Daquela, as condicións do Fondo Monetario Internacional foron tan duras que houbo que romper a baralla, declararse en suspensión de pagos e reiniciar dende cero a economía. «Se queren cobrar, que esperen. Os mortos non consumen». Comenteino o outro día con Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, quen llo advertiu tamén ao presidente Núñez Feijoo: necesitamos políticas de estímulo para o crecemento, sen crecemento non hai futuro, os reaxustes teñen un límite. E a capacidade de resistencia social tamén, sobre todo se non se renova o subsidio de paro (400 euros) que remata o mércores. ¿É consciente desta situación o BCE, que aconsella novas medidas de restrición económica en España: maiores facilidades para o despido e nova redución de salarios?
Visitei Arxentina por primeira vez contra finais dos anos 80. Eran os últimos días do mandato de Raúl Alfonsín. Empezaban os asaltos aos supermercados. A xente entraba a vagallóns e arramplaba co que podía. Seguramente as circunstancias non son as mesmas. A nosa pertenza á UE (e á economía do euro) nos condiciona e, ao mesmo tempo, nos estabiliza. Pero a tensión social está aí. Supoño que somos conscientes do que nos estamos a xogar. E os responsables da economía da UE tamén deberían sabelo.
Os mortos non consumen. A frase da presidenta Kirchner non é baleira. Se cerramos a billa do consumo, matamos a economía. Poida que, con redución de custos salariais, maior número de horas de traballo e condicións máis precarias, reducindo ao límite os custos de produción, alguén pense que nos achegamos ás economías dos mercados exteriores e imos ser máis competitivos: braceiros do primeiro mundo. Pero o mercado interior acabará estiñando e, sen un mínimo que terme do edificio, o futuro vai ser moi difícil, imposible. ¿Competir cos chineses? ¿Converternos en chineses europeos? Só a loucura e a ambición desatada duns poucos pode entender este modelo.