Setembro vai ser duro. Moi duro. Non hai máis ca ler os xornais. Non sei se somos conscientes da transcendencia do que está pasando. Hai meses que nos están a preparar. Primeiro, o gasto público, centrado por unha banda no desmantelamento de aspectos moi importantes do que chamamos Estado de benestar (o investimento en educación empeza a estar baixo mínimos) e, por extensión, no desprestixio progresivo dos funcionarios. Clases parásitas. Non é a primeira vez que falamos disto. A alternativa que se nos ofrece (panacea neoliberal) é o desembarco masivo dos principios do negocio privado. Xa se fixo noutros momentos: a privatización do público (infraestruturas, educación, sanidade, asistencia social) e adelgazamento máximo das estruturas e dos servizos sociais. Esta é a segunda parte. Quen os queira, que os pague (contratos individuais). E quen non poida pagalos, que se apañe.
Terceira cuestión: competitividade exterior. Os consellos do BCE e do FMI van nesta dirección. Cómpre facilitar os despedimentos e reducir salarios para adelgazar a carga laboral. As consecuencias destas medidas, que o Goberno ben promovendo dende hai tempo, xa as estamos a sufrir: caída do consumo e enfraquecemento do mercado interior. Segundo esta estratexia, o horizonte está nos mercados exteriores: na exportación ou servizos a clientes de fóra, competindo coas ofertas internacionais. Certo que hai empresas que están preparadas, pero a meirande parte do tecido industrial vai vivir tempos moi difíciles. Cerrados ou minguados sensiblemente os investimentos en I+D+i, dos que nunca se obteñen rendibilidades inmediatas e que cómpre manter permanentemente activos, lanzarnos a competir en man de obra barata, non en calidade ou valor engadido, semella unha derivada suicida.
A cuarta liña de actuación é a concentración financeira: a grande oportunidade para a banca de fóra, que desembarcará con todos os seus efectivos a pouco que saneen a de casa. Témome que a quinta vai ser o asalto ao Estado das autonomías.
Ninguén fala das deputacións, cuestionadas dende o primeiro momento da transición política, nin da duplicidade de servizos das Administracións públicas, nin das eivas de financiamento das comunidades autónomas (castigadas polos elevados gastos sociais), nin da necesaria racionalización da Administración local. Ninguén fala de acometer a reforma do Senado.
A estratexia mediática dominante, activada dende os sectores máis duros do modelo que nos están impoñendo, son as autonomías. Sería un erro presentar unha defensa numantina das mesmas: o modelo pode ser revisado, sempre que se acometa dende a filosofía xeral da pluralidade, mais as razóns de fondo, nesta cuestión coma noutras, son ideolóxicas: unha escalada feroz da dereita, que nunca acabou de asumir a significación do modelo.
Europa non entende nada. Entre outras cousas porque Europa, que debería construírse nesta dirección (a única posible), está a medio construír, e porque dende a actual política española ninguén quere tampouco explicalo