Unha decisión acertada

Pedro Puy PORTAVOZ PARLAMENTARIO DO PARTIDO POPULAR DE GALICIA

OPINIÓN

28 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Lei da Xunta e o seu Presidente establece que é ao presidente da Xunta a quen corresponde disolver o Parlamento e fixar a data das eleccións autonómicas. Unha decisión, di a lei, que tomará «baixo a súa exclusiva responsabilidade». Un fermoso e vello concepto, o de responsabilidade, co que se acostumaba adxectivar aos que ocupan un cargo público (responsables políticos), e que supón, nada menos, que a liberdade coa que se decide conleva a obriga de explicar as causas desa decisión.

O presidente Feijoo decidiu onte convocar as eleccións para o vindeiro 21 de outubro. Podería telo feito antes, aproveitando o tirón electoral das eleccións xerais; e tamén despois, xa que a data límite roldaría o 7 de abril. E, exercendo as súas responsabilidades como presidente, explicou as causas desa decisión.

Primeiro, por responsabilidade económica, para permitir que sexa o mesmo Goberno que terá que executar o orzamento do 2013 o que o aprobe.

Un Goberno, o próximo, que se atopará coas contas máis saneadas de todas as comunidades autónomas, e que non terá, como lle ocorreu ao propio Goberno de Núñez Feijoo, que facer fronte a unhas contas irreais e electoralistas como as do ano 2009, que contiñan unha desviación de 1.200 millóns de euros.

Segundo, por responsabilidade política, nun momento no que a unidade dos partidos no fundamental é máis importante que nunca. No último pleno do Parlamento, o principal partido da oposición declarou rachadas todas as relacións co Partido Popular, e mesmo non apoiou a reforma dunha importante lei, a do Valedor, que previamente pactara e votara favorablemente na mesma sede parlamentaria. Nestes difíciles momentos, Galicia non se pode permitir sete u oito longos meses de campaña electoral.

Terceiro, por lealdade para contribuír a resolver a situación económica de España, cando unha sucesión de procesos electorais en comunidades autónomas históricas sen dúbida interferiría nas negociacións que o Goberno mantén coa Unión Europea.

Hai quen di que do que se trata e de sacar vantaxe electoral. Son os mesmos que hai dous días dicían que as eleccións se ían retrasar para ter tempo de reformar a lei electoral para sacar vantaxe electoral. Son, tamén, os mesmos que non comprenden que de terse tomado no conxunto das Administracións públicas españolas as mesmas decisións que o Partido Popular leva responsablemente adoptando en Galicia desde hai tres anos e medio, hoxe a situación de Galicia, do conxunto de España, das súas empresas e das familias que están a padecer a crise sería ben outra: unha situación incomparablemente mellor.