Perversidade alienadora

OPINIÓN

03 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A forza da publicidade e da mercadotecnia en xeral, a súa capacidade para o dominio das mentes e das conciencias, a súa perversidade alienadora, de certo que son preocupantes, maiormente para aqueles que vivimos en lardo vivo os progresivos atentados á liberdade do ser humano e ao seu libre desenvolvemento intelectual.

Hai que recoñecer o éxito que tiveron no mundo moderno as atravesadas palabras de Goebbels, que tamén están no Mein Kampf de Hitler, sobre a facilidade con que unha mentira repetida suficientemente remata por se converter en verdade, ou sobre a capacidade das masas para esquecer, entre os famosos once principios da propaganda, entre os que tamén figuraba o da simplificación.

No noso mundo de hoxe, ao menos no que temos por máis avanzado, os medios de información e de persuasión, en xeral e atendido sempre o grupo propietario dos mesmos -a banca moi en primeiro lugar-, son simplificadores xusto porque miran aos intereses particulares deses grupos aos que pertencen. E estes saben moi ben da capacidade e da perversidade alienadora daqueles.

E por iso mesmo xulgo tamén que aí se agachan as razóns polas que as masas do noso tempo poden chegar á perversidade que estamos vivindo, aquí e fóra de aquí, de votar a políticos que xa de primeiras é claro que van defender os intereses dos propietarios deses medios e non os das masas. Como digo, aquí e fóra de aquí.

Nunca de tanta información dispuxemos; pero nunca nos moveu tanta capacidade de alienación. Pois esa forza destrutiva e alienante de boa parte dos medios, podería, coa mesma eficacia, contribuír ao desenvolvemento do ser humano.

Pero eses non son, en xeral, os intereses que hai detrás. Un ser humano libre é case un soño. Pero tamén un proxecto irrenunciable.