E xercitar un dereito, en calquera das formas que en democracia prevé (calquera fóra da violencia) non é máis quimérico que, por exemplo, cazar elefantes. O que pode ser quimérico é non exercitar ese dereito, pois se os dereitos non se exercitan ou se atrofian ou, sinxelamente, deixan de ser.
Máis quimérico aínda será procurar dar un tironciño de orellas aos que pretenden exercer un dereito que non nos gusta. Porque aí se agacha unha boa parte do problema: algúns son demócratas cando os demais exercitan dereitos que nos gustan, pero deixamos de selo cando eses dereitos nos amolan.
Pero o que de ningunha maneira é un dereito, senón máis ben un abuso del, ou, se se prefire, unha grandísima incoherencia, é non medir co mesmo ferrado outras situacións que si deben enrabechar, cabrear e alporizar a toda a sociedade. Porque ¿mereceron tirón de orellas semellante os grandes delincuentes ou corruptos deste país, dende Mario Conde a Camps ou Correa? ¿Ou os que fixeron grandes fortunas despois de teren arruinado a tantos pequenos aforradores?
Un deses próceres, despois de afundir no seu propio beneficio o que foi o primeiro banco do país, dedícase agora a impartir doutrina moral e, polo que se está vendo, doutrina lingüística, como se o destino desta sociedade fose o de ser permanentemente estafada. Peor aínda: algúns séntense moi a gusto sendo estafados. Que llo pregunten senón aos estafados por Ruiz Mateos. Dá a impresión de que despois de Sabino Fernández Campo baixou moito a imaxe que comunica a Casa Real. Algo tan desavido como o da «quimera» non tería ocorrido no seu tempo. Porque, polo menos, tiña cultura abondo para saber que, se non somos quiméricos, non somos humanos. Os elefantes, por exemplo, non son quiméricos.