Insubmisos

OPINIÓN

01 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Se á escasa cultura xeral do país engadimos a aínda máis escasa cultura política, poderemos comprender o barullo que calquera proposta racional, e política, que non sexa a de subordinación ao coñecido, produce no país, maiormente nos medios habituais, incluídos os das redes sociais.

Por exemplo, á xente común cústalle comprender que haxa, dentro de España, comunidades que non aturen a tutela nin a subordinación, porque a tutela está prevista para incapacitados e a subordinación é o máis impropio que ao cidadán ou a calquera comunidade se lle pode impoñer.

Por iso, se unha desas comunidades propón unha solución federal ou un referendo consultivo sobre secesión, unha boa parte deses medios solta babuxe a eito, escorna e non pensa, alporízase e non quere saber de razóns. Porque prefiren aterse aos dogmas, que tan cómodos son, xa que dispensan de pensar. E neste país é case dogma de fe confundir unidade con uniformidade, e podendo ser baixo tutela e subordinación.

Non se pode estar toda a vida contando contos á xente, por exemplo, que certas comunidades dispoñen de practicamente as mesmas competencias do que un Estado federal, porque non é certo. Ningún dos principios que rexen o pacto federal -igualdade, liberdade, pluralidade- están presentes no Estado autonómico, nin de lonxe, porque neste priman os de tutela e subordinación.

E están no seu dereito esas comunidades en procurar unha consulta natural e lóxica en democracia, aínda que sexa inconstitucional. Porque politicamente é correcto forzar esa consulta: ao desprestixio actual do Goberno polos disparates da súa política retrógrada e suicida, engadiríaselle o de impedir medidas que, sen recorrer á violencia, son sempre plenamente democráticas. Non é pequeno o desafío.