E n menos dunha semana os titulares da prensa deste país presentáronse, e seguen nesa liña, como un mar tenebroso e alporizado onde todo se afunde sen posibilidade de salvamento por algo tan insignificante como pretender un referendo para coñecer se os cataláns queren seguir con España ou botarse fóra.
Un ministro fala de delito de desobediencia, outro dinos que en Cataluña, Navarra e no País Vasco estase falseando a historia e que, no caso catalán, están convertendo unha guerra de sucesión en guerra de secesión (!), o xefe da Garda Civil de Castilla-La Mancha compara a «secesión catalana» co terrorismo de ETA, Mayor Oreja, o inefable, propón combater o independentismo como a ETA, Aznar -só el faltaba entre tanto despropósito- acusa aos nacionalistas de «falsificar a historia a conciencia». Non serán separatistas, pero si que son separadores.
Este non é un país tranquilo, dicíame, e dicía moi ben, un amigo inglés. Porque eles non teñen medo a sentarse a falar do que sexa: non son un país autoritario senón demócrata e berce da democracia moderna. Pero non só non é este un país tranquilo, senón que, ademais, é un país disparatado no que a xente escorna e non pensa. Como os touros.
Quero supoñer que a xente con sentido común, que debe de habela, sabe que o referendo é un acto tan democrático como votar ou como deixar de facelo, que impedilo sería xustamente contrario a toda idea de democracia e que por ai adiante deben de estar asombrados da clase de dirixentes que temos.
Xa non só falta finneza á política española. Fáltalle sentido da realidade. Un xa non sabe se o que está ocorrendo é por incapacidade e frivolidade dos que gobernan ou porque así o están procurando. Non quixeramos que isto último fose certo. Non o poderiamos aturar.