Eu votaría a Del Bosque

OPINIÓN

05 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Vicente del Bosque manifestou recentemente que os cataláns están no seu dereito de defender a independencia, pois «é a liberdade que ten cada pobo para decidir o seu futuro». E que, aínda sendo a independencia unha utopía, se puidese facer algo para mellorar as relacións entre Cataluña e España, sentiríase «tan feliz como despois de ter gañado un campionato do mundo».

Téñoo moi claro: eu votaría a Del Bosque e non aos que gobernan nin aos que quixeran gobernar. Porque ten demostrado que é un home intelixente e cheo de sentido común, bens escasos nos tempos que vivimos, e aínda máis escasos entre políticos e gobernantes, como a experiencia nos ensina.

Porque quen se manifesta nos termos en que el o fixo nunca mandaría a unha fragata da Armada a armala entre os pescadores da costa catalana por mor dunha bandeiriña; nunca mesturaría independentismo con política educativa; nin pola cabeza se lle pasaría «españolizar» aos nenos cataláns; nin pedir a invasión de Cataluña «para defender la unidad de España»; nin confundir o independentismo co terrorismo de ETA.

Sinxelamente, porque é, como xa antes se manifestou, un home intelixente e con sentido común. ¿Houbo alguén no Goberno, e aínda fóra del, que dixese, como el dixo: «Hay que ser tolerante con eso [o independentismo] y entenderlo»? E non é inglés nin escocés. O que hai é todo o contrario: escornar de touros bravos.

Por iso, eu votaría, se fose o caso, a Del Bosque, para ter a seguridade de que non gobernasen a frivolidade e a incompetencia. Porque nos daría sosego e non alporizamento, intelixencia e non visceralidade, serenidade de xuízo e tamén un certo sentido do humor, que tanto se bota de menos. Tratarei de convencer a Del Bosque para que se presente ás próximas eleccións.