¿Vese o cancro no sangue?

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

09 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

U n dos eidos de máis progreso na ciencia actual é o da detección precoz de enfermidades a través da medida de pequenas anomalías no noso corpo. Grazas a colaboracións de científicos que proceden de disciplinas moi diferentes estase avanzando, por exemplo, na detección do cancro a través dunha análise de sangue. Onde está a clave que permite fabricar este aparello sensor? Tal e como nos contou o premio Nobel de medicina Tim Hunt na súa recente visita a Galicia, as células canceríxenas presentan sempre alteracións nos seus cromosomas (sexa cal sexa o tipo de cancro) e resulta que un tumor libera parte do seu material xenético corrupto no torrente sanguíneo. Polo tanto, o obxectivo do sensor será detecta-la presenza dese material xenético alterado. De momento, esta técnica só funciona con cancros avanzados, é bastante cara e a análise leva un mes. Pero todo se andará; se se conseguise mellora-la sensibilidade para atopar variacións mínimas, estaríase abrindo a porta para detectar tumores moi pequenos, xusto no momento no que se forman e, ao descubrilos tan pronto, serían curables.