En pouco máis dunha semana, e atendendo só aos máis altos cargos, causan verdadeiro abraio as maneiras dalgúns dos nosos gobernantes, tanto que non dubidan en insultar sen miramentos á xente e aínda tamén aos máis pobres ou empobrecidos polas nefastas políticas que todos estamos padecendo.
Cústame imaxinar que nun país europeo haxa un ministro que teña a desvergonza de soster que unha reforma laboral que consiste esencialmente nunha maior facilidade para despedir sexa unha medida para crear emprego. (E non imos falar agora dos señores Wert e Gallardón, nin da señora Báñez, trío que merece especial tratamento).
¿E que dicir desa directora xeral de Emigración e Inmigración que nos di, sen que ninguén a desautorice, que a xente nova emigra ao estranxeiro, non por necesidade, senón polo seu espírito aventureiro? ¿E dun dos portavoces do PP no Congreso, Rafael Merino, para quen os pensionistas deben agradecer ao Goberno que non actualizase as súas pensións?
Cando despedimos «facemos un ben á comunidade», di Juan Manuel de la Fuente, director xeral da señora De Cospedal, a da «peineta y mantilla», sen que ninguén se sinta avergoñado. E a inefable señora Báñez asegurándonos que o Goberno esixe maiores esforzos aos que máis teñen.
Estas e outras moitas barbaridades teñen en común o desprezo polos máis débiles, a insensibilidade social dos nosos gobernantes e a súa absoluta falta de sentido político, xunto coas peores maneiras imaxinables. Para o Goberno as folgas ou o referendo catalán, que son exercicio de dereitos democráticos, dan unha mala imaxe do país no exterior. Pero, ¿qué imaxe é a que dá un Goberno que consente semellantes desprezos, tal insensibilidade social e tamaña falta de maneiras? Ao mellor nin o sospeitan.