A democracia ameazada

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

Son múltiples, infelizmente, as ameazas que hoxe, e dende hai algún tempo, padece e sofre a democracia. E que, nalgúns casos, afectan ao seu cerne mesmo. Por exemplo, a crecente desigualdade entre o traballo e o capital, o ataque ás liberdades, a desigualdade impositiva, o estarmos gobernados, en Europa, por institucións non elixidas democraticamente... e moitos outros supostos.

E non só en Europa, España incluída, senón tamén nos EE.?UU., e de maneira moi profunda, pois alí os intereses dos traballadores están sendo obxecto de ataques moi fortes, tanto polo que mira ao poder adquisitivo dos salarios, como á calidade dos servizos, como á representación sindical dos traballadores.

Fálase xa dun «golpe de Estado silencioso» referíndonos ao que deu o sector financeiro, non só por ter pasado de obter uns beneficios do 16 por 100 en 1970 a un 40 por 100 no noso tempo, senón por ter posto ao seu servizo a políticos que contraeron grandes débedas, que mal se poden pagar, para evitaren subir impostos, feito este case sempre mal recibido.

Ademais da pobreza que cada día pesa sobre as clases medias e sobre os máis débiles e desasistidos, e dunha situación que leva ao máis ricos a seren máis ricos e aos máis pobres a seren máis pobres, nas sociedades modernas é manifesta a súa crecente despolitización. O paso seguinte parece ben doado de imaxinar.

Nun moi fundado traballo, aparecido este mes na Monthly Review, baixo o título This Isn?t What Democracy Looks Like, ofrécenos o seu autor, Robert W. McChesney, unha densa información e unha lúcida análise destas e outras cuestións nas que, sen dúbida, se está xogando o noso porvir. E os nosos políticos, como de costume, ausentes. E ao mellor, pode que non só os nosos políticos.