Na tarde do 23 recibo aviso da túa morte. Seguíache de lonxe, logo daquel verán do 2002. Recordei aqueles tempos que escribiras A autopista do Atlántico, no que -con sorpresa- ao revisalo atopo cheo de marcas e anotacións. Non sabías, nin ti nin os outros dous compañeiros que te acompañaran naquela escrita, que aquela navallada acabaría sendo propiedade dun fondo multinacional. Tampouco sabiamos daquela canto equivocaramos os efectos desa obra matricial para Galicia. Para ben e para mal.
Releo tamén a túa derradeira intervención no comité nacional do teu partido, na que mantés lealdades. «Compañeiros, cada vez somos menos os galegos e sendo menos non podemos pesar máis. Temos un campo abandonado, temos máis terras a monte que en produción, temos unha gandería que está en fonda crise, o futuro da pesca é unha incógnita, a desindustrialización de Galicia sigue sendo unha realidade, e a nova industrialización, un soño. Temos un índice de fracaso escolar que hipoteca o futuro. O fracaso escolar non vén dos recortes, senón que xa estaba de antes». «Os cidadáns ven aos políticos máis como profesionais do poder que non persoas ao servizo do público e dos cidadáns». «Amais de negar a crise, faltan neste país alternativas».
Compartimos grupo parlamentario na cuarta lexislatura. A miña única experiencia na política institucional. A túa última lexislatura no Parlamento galego. Fracasado nas urnas aquel abrollo de ampliar o socialismo que tentara Antolín Sánchez Presedo.
Logo eles decidiron -cando a tamén fracasada candidatura de Abel Caballero-, que non seguiras no Parlamento galego. Souben entón, logo de se suceder catro voceiros do Grupo Socialista -ti entre eles-, onde estaban as lindes da política e os políticos institucionais. Non fun quén de acompañarte, xa no ano 2000, ao Congreso dos Deputados, cando a xenerosidade da executiva de Emilio Pérez Touriño e Antón Louro nos ofreceron ir por A Coruña e Pontevedra a cada un de nós nas listas socialistas. Agradecín a oferta, e máis aínda agradecín a túa chamada.
Quédanme das túas palabras a vindicación duns partidos democráticos, que aplaudan e aclamen menos, que debatan máis. Transparentes, decentes, con primarias, listas abertas e voto individual.
Quédame a túa militancia en soidades. O teu traballo por Galicia, pola liberdade e a igualdade. A desafección indulxente de tantos políticos e dirixentes do teu partido. O parlamentario que nunca chegou a un cargo executivo. O cidadán de transporte público que nunca tivo chofer nin coche oficial. O facedor de estratexias políticas para este país. O defensor da autonomía. O que se xogou crédito e capacidade para construíren a alternativa do Goberno tripartito no 1989, para ficar abeirado.
Mudou o mundo e Galicia esvaece. O panteón de galegos ilustres chegou a Escairón. Contigo, Cefe.