Lembren este nome, que soa para o Premio Nobel dende hai tempo. Sería o primeiro físico español en conseguilo e, tras Ramón y Cajal e Severo Ochoa (este último en 1959), o terceiro científico español. A súa candidatura acaba de verse reforzada ao concedérselle o Premio Wolf 2013, o maior premio ao que podía aspirar despois do Nobel (de feito, a maioría dos gañadores do Wolf en física acaban levando o Nobel). En 1995, cando aínda era profesor do departamento de Física Aplicada da Universidade de Castilla-La Mancha, publicou o que é o seu artigo máis famoso e citado. Nel demostraba que é posible construír un computador cuántico, un aparello cunhas posibilidades que suporían unha auténtica revolución neste campo, ao superar de longo as prestacións dos computadores actuais. ¿Cando pode levar o Nobel? Non de inmediato, tendo en conta que o deste ano xa foi para alguén que, en certo modo, se inspirou na teoría de Cirac para poñer os cementos prácticos da súa idea; lembrando que a academia sueca dificilmente premia dous anos seguidos a mesma liña de investigación e que hai outra xente antes na cola.