Seica se compara o longo tránsito do comandante Chávez (ou Chaves, toponímico galego mal escrito) co do xeneralísimo Franco, aínda que «Su Excelencia el Jefe del Estado Español» foi manipulado na casa, e polo xenro, en canto o venezolano foi dar en Cuba.
Arredor del na Habana andaron presidentes de repúblicas hispanas en conversas que suxiren a importancia do momento: Venecuba pode vir abaixo cando a doenza cruel do presidente -electo- bolivariano se xunta ao tempo coa decrepitude do presidente na sombra -nunca electo- martiano. Cuba no 2013 vese nunha situación semellante á de 1989: remata un período de axuda estranxeira para o réxime castrista.
Lendo a Historia ás présas, as transicións semellan instantáneas; parecería que a xente estivese hoxe nun mundo e mañá noutro coma transferida a toque de variña máxica. Mais a realidade non é así, e o que neste intre acontece en Venecuba implica unha febril actividade.
Como cando o bloque soviético afundía en 1989. Ese é o panorama que Humberto López Guerra ofrece aos lectores de El traidor de Praga (Ed. Verbum): na desfeita, un axente cubano en Checoslovaquia aposta pola perestroika e a fin do castrismo. A ficción do López Guerra, cineasta (Federico García Lorca: asesinato en Granada) metido a escritor, induce a imaxinar o que arestora se estea movendo tras do escenario mortuorio do Caribe.
¿Haberá un «traidor de Caracas» que chegue a onde non deu chegado o de Praga? Vinte e catro anos despois, a situación parece máis propicia.