O presidente autista

OPINIÓN

I so é o que algúns pensan porque, diante de moitos problemas, cala, déixaos de esguello ou refuga encararse con eles. E póñense os exemplos de todos coñecidos: paraísos fiscais, corrupción, medo ao diálogo, organización territorial do Estado, abaixarse diante de Frau Merkel, eludir explicacións... e moitos máis.

Pero o certo é que non é tan autista como pode semellar a primeira vista: calquera pode decatarse, sen esforzo maior, que as súas prioridades son a banca e o gran capital coa conseguinte desprotección dos cidadáns deste país. Pois ninguén porá en dúbida que o mimo que vén dispensando á banca e ao gran capital é parello á voadura do Estado de benestar que con tanta eficacia está destruíndo. Rescates e privatizacións así o proclaman.

O resultado está ben á vista: a minoría máis rica enriqueceuse e a maioría máis débil empobreceuse. Aí están os traballos de Vicenç Navarro ou de Juan Torres, entre outros autores, en forte apoio do que aquí se afirma. E tanto é así que a chamada clase media vai camiño de extinción. Os problemas -moi graves- que desa realidade se seguen, para outra ocasión.

Como de costume, chegamos tarde a todo: agora resulta que o propio Fondo Monetario Internacional, o máis aceso defensor de decisións como as que vén adoptando o noso suposto autista, recoñece que ese camiño é errado; e Alemaña está chegando a semellante conclusión, pero por outro camiño: as súas exportacións caen na Europa deprimida por tan absurdas medidas.

E tamén como de costume, o presidente non escoitará aos que lle impidan rematar a súa faena de privatizacións e conseguintes negocios para mellor servir aos que máis teñen contra os que menos poden. ¿Autista o señor presidente? Os autistas son, ou somos, os demais, os outros, os que pagamos. ¿Ou non?