Impunidade da corrupción

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O peor non é a corrupción senón a impunidade, coa súa consecuente perduración no tempo e a súa extensión duns a outros ámbitos. A persistencia da corrupción pode tronzar o sistema ata os cimentos. E xa están aí as consecuencias, nos funcionarios que soportan o peso do sistema público e da Administración, paralizados como no Concello de Santiago, onde ninguén se atreve a asinar nin a falar e co seu honesto traballo baixo sospeita. Anos de falta de solución -política- aos problemas da corrupción -política-, de ventilador duns para outros, de «e ti máis» e de elusión de responsabilidades transferíndollas aos funcionarios -do Prestige ao Pokémon- trouxéronos aquí. A práctica de non asumir responsabilidades polos erros ou as corruptelas complétase coa iniquidade de transferirllas aos funcionarios.

O peor non é a corrupción, haina en todos os países, baixo todos os sistemas e en todas as épocas. O problema é a impunidade. No Reino Unido hai pouco descubriuse a fraude no uso dos asignacións parlamentarias nos Comúns e despois do escándalo na opinión pública e o debate na publicada corrixiuse de vez, en Australia, nos Estados Unidos..., en Alemaña, onde un ministro de grande futuro foi denunciado por plaxiar a tese coa que logrou o seu título de doutor e houbo de recoñecelo e dimitir. Italia e Grecia, coma España, demostran máis dificultades para corrixir a corrupción.

O problema non é Bárcenas senón o sobresemento sen consecuencias do caso Naseiro hai 20 anos. O problema non é Baltar senón os 20 anos de impunidade de coñecidas prácticas de clientelismo. O problema non é o caso Pallerols senón que as comisións do 3 % de CiU son lenda viva e imperecedoira. O problema non é Filesa senón que décadas despois segue sen arranxarse o necesario financiamento dos partidos, nin reducírense os gastos electorais eliminando, por exemplo, os custosos mailings masivos. O problema non é a trama Gürtel, nin sequera Matas, senón que veñen despois das evidencias contra Zaplana cando o caso Naseiro. O problema, en fin, non é que Camps fixera ou non algo mal feito senón que o seu partido permitira a súa exoneración pola vía das urnas nas últimas eleccións valencianas, dando a oportunidade de que se reafirme electoralmente a política da corrupción e convertendo a corrupción en algo positivo a condición de lograr máis votos.

Nunca pensei darlle a razón a Esperanza Aguirre cando di que hai que investigar e solucionar o problema caia quen caia. Tampouco pode dicirse que a teña, precisamente ela, cando aínda non se indagou nin se aclarou a compra de votos daqueles dous deputados (Tamayo e Sáez) que mudaron o curso político en Madrid facendo repetir as eleccións autonómicas do 2003. R. Darín pregúntase na Arxentina cómo os Kirchner-Fernández lograron asombrosos incrementos patrimoniais. Aquí asómbrannos Bárcenas, J. I. González ou Liñares. Claro que tampouco nunca consideramos corrupción o cambio de mans das vivendas, cátedras, propiedades e negocios dos derrotados aos vencedores despois da Guerra Civil.