Non un parasito, senón un estímulo

Camilo Nogueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

03 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A intención da Generalitat e dos principais partidos de Cataluña de celebraren unha consulta sobre o dereito a constituírse como Estado en Europa non se comprende sen lembrar a Declaración de Barcelona de 1998 de CiU, PNV e BNG, en defensa da plurinacionalidade. Na seguinte década estragaríanse tamén os intentos de reforma dos seus estatutos. O Congreso impediu no 2005 a toma en consideración do novo Estatuto Político de Euskadi. No mesmo tempo o PP inviabilizou o Estatuto de nación querido en Galiza polo BNG. E entre o 2005 e o 2010 o Estatuto reformado de Cataluña percorreu un camiño de espiñas. Aprobado no Parlamento catalán, reducido e ratificado nas Cortes e confirmado en referendo, sufriu un recurso do PP ante o Tribunal Constitucional.

É preciso recordar que co argumento da indisolúbel unidade da nación española ese tribunal desvirtuou un Estatuto que non predicaba a disgregación. Non só declarou inconstitucionais competencias básicas que integraba, senón que abaixou o alcance das que permaneceron, mesmo as exclusivas e as partilladas, atribuíndo ao Estado a potestade de lexislar sobre todas, decisión esta que afecta ao conxunto das comunidades como se evidencia co invasivo descaro con que desde o Goberno central se estrangulan os servizos públicos da saúde, a educación e dependencia que administran. Máis aínda, para xustificar todo declarouse intérprete supremo da Constitución. Unha teimosía que peta coa realidade de que, sen mudar nin unha coma no texto da Constitución de 1978, deu por boas as transferencias á UE de competencias principais de soberanía. Coa sentencia quixo ignorar, ademais, que nas materias de competencia da Unión o intérprete supremo é o Tribunal de Xustiza da UE.

A sentencia demostraba que no concernente á diversidade nacional a vía da reforma dos Estatutos é impracticábel. E agora, cando tomando nota o Parlamento declara a soberanía política e xurídica de Cataluña, na perspectiva de constituírse como Estado en Europa, en vez de procurar unha solución baseada no entendemento, no tocante á Constitución repite como se non pasara nada os argumentos tópicos contra a reivindicación da plurinacionalidade nun Estado compartido e no tocante á UE enreda coa imposibilidade da mudanza das fronteiras ou da integración como Estado dunha nación interna, esquecendo, entre outras, a integración en 1990 do territorio da República Democrática Alemá na RFA e a posíbel incorporación dunha Escocia independente se así se acorda no referendo do 2014 pactado entre David Cameron e o escocés Alex Salmond. Contrariamente a Cameron, Mariano Rajoy non procurou un acordo con Artur Mas, nin sequera sobre a base do recoñecemento constitucional das diversas nacións nun mesmo Estado.

Todo fai temer que para o Goberno central a dominación prima sobre a convivencia plurinacional, non deixando ás nacións internas máis alternativas que a negación ou a emancipación. No fondo o que se quer coa concepción de España como nación exclusiva é a permanencia dun Estado español constituído como metonimia de Madrid, a vila que sen dispor de actividades produtivas ou de capacidade exportadora que a integren na economía europea e global, concentra os poderes políticos, económico-financeiros, lingüístico-culturais e mediáticos, tragando as enerxías de todos.   

Foi Valentín Paz Andrade quen, tratando da marxinación que padecía Galiza malia a súa situación privilexiada fronte ao Atlántico, coidou que aínda que a orixe das cidades adoita vir ligada a unha ubicación favorecida por unha natureza benigna, en casos como o de Madrid os factores políticos poden xogar un papel tanto ou máis decisivos. Nesa liña, na súa obra sobre expansión e o conflito na Europa do século XVI, Richard Mackenney cualificou de arbitraria a decisión dos Habsburgo de levar o centro da monarquía a Madrid, para el unha capital improdutiva na que os luxosos servizos da Corte contrastaban coa pobreza da populación. A diferenza de Madrid, dixo, Londres constituía un centro e tiña un dinamismo produtivo e comercial extraordinariamente poderoso, de maneira que como capital de Inglaterra era un sitio no que se cruzaban a vida política e a económica, non era un parasito senón un estímulo. Os sucesos dos últimos días evidencian a dimensión perversa desta realidade.