¿Q ue é o que hai cando non temos maneiras? A resposta non ten dúbidas: é a barbarie. Porque ter maneiras é xustamente o que nos foi afastando da barbarie, da escuridade zoolóxica da que procedemos e o que, ao cabo, nos levou a evolucionar ata chegar á nosa actual condición de seres humanos.
¿Que clase de seres humanos son aqueles que prescinden da mellor e máis nobre capacidade que temos para nos distinguirmos doutros parentes próximos ou remotos, como é a palabra e con ela o diálogo? Sinxelamente, son seres regresivos, xentes que, lonxe de parlamentar como seres humanos políticos, que para iso se inventaron os Parlamentos, regresan ás orixes máis primixenias da especie, substituíndo a palabra civilizada polo urro animal.
Xente así non pode estar en ningunha ágora, porque eles mesmos son os que se exclúen. Como tampouco poden estar os que, afastándose do Parlamento, o abandonan porque non lles gusta unha decisión da persoa a quen está encomendada a función de presidir as sesións parlamentarias, xa que eles mesmos están negando con semellante actitude a améndoa mesma do Parlamento.
Ningún dos tres implicados no asunto estivo á altura da especie humana -os que tomaron o Parlamento-, nin os que o abandonaron por unha inadmisible solidariedade cos anteriores, prescindindo da Cámara, nin tampouco a encargada da súa orde, que non parece terse esforzado moito en parlamentar cos seu compañeiros.
En calquera caso, entre outras circunstancias, estes feitos, polas razóns expostas nos parágrafos precedentes, levan ao desprestixio dos políticos, como se fose pouco o que xa veñen padecendo, e tamén, e isto é o peor, ao desprestixio da autonomía, porque a xente ve, unha vez máis, a inutilidade dos seus representantes. ¿Quen dá máis?