De Torrejón a Alcorcón

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

12 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Se alguén esperaba outro modelo produtivo para saír desta crise, que abandone toda esperanza. Se alguén supuña que a crise podería limpar o sistema económico español, que o quite da cabeza. Por suposto, se alguén imaxinaba que a economía do coñecemento, a cultura do esforzo e o desenvolvemento do I+D podían ser un instrumento de futuro, que o esqueza polo de agora. Sol-praia, construción-inmobiliarias e financeiras segue sendo a trepia do pasado que se quere promocionar como suposta solución de futuro. Eurovegas ven confirmalo. Poden máis os intereses e a vontade de manter o poder que as ideas.

Unha parte da dereita española, a que parece agora dominante, ten un modelo ben definido e uns intereses concretos. Estámolos vendo nos pagos que se recollen na lista de Bárcenas, pero eses intereses xa eran coñecidos e mesmo dignos de estudo por historiadores como G. Sánchez Recio e J. Tascón (Los empresarios de Franco) ou máis explicitamente por Moisés Llordén (La política de vivienda del régimen franquista: nacimiento y despegue de los grandes constructores y promotores inmobiliarios en España, 1939-1960). Sen necesidade de lembrarnos de don Juan March, a conexión entre certas orientacións políticas e certas formas de economía é de sobra coñecida. O pasado pesa tanto que mesmo quere definir o futuro, en vez de converterse en historia. Nun sistema democrático as empresas teñen intereses e traballan no mercado en función da súa regulación, pero non teñen ideoloxía como empresas, non deben tela ademais. Os empresarios si, pero o diñeiro cos que algúns empresarios financian opcións políticas en España non é deles senón das empresas. Son os partidos os que teñen e defenden posicións ideolóxicas coas que pretenden gobernar para o interese xeral. Se as empresas financian aos partidos cos seus activos, prodúcese dumping político e empresarial, dime con bo criterio un bo amigo economista de ampla experiencia política.

Por se non abondaba coas nosas, traemos as empresas norteamericanas do xogo. A obsesión polo amigo americano nesta dereita ven de lonxe, de 1953 para ser exactos, cando foi salvación do réxime franquista. O abrazo de Eisenhower a Franco en 1959 foi a guinda, porque o amigo americano sempre é republicano. Daquela foron Torrejón con avións e Rota con barcos, Zaragoza, Morón... e hoxe é Alcorcón... coas ruletas dun empresario que é o máximo contribuínte aos candidatos republicanos. Daquela o réxime vendeu a soberanía a cambio da súa mesma supervivencia e hoxe para intentar reactivar as bases da economía madrileña baseada na trepia citada (sen praia, claro). Os postos de traballo son coma sempre o argumento que o explica todo. Non deixa de ser curioso que os máximos defensores da liberdade de mercado estean dispostos a mudar con decisións políticas a lóxica do mercado. O vello intervencionismo do franquismo que analizan Llordén ou Sánchez Recio está máis vivo que nunca, mesmo polo que parece ata o punto de facer excepción das normas fiscais ou de saúde pública, pero agora vestido de liberalismo falso.