Antros de perdición

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 feb 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Faime graza a liña ultramoralista que nos invade aos españois ante a apertura dun macrocasino en Alcorcón. Así escrito parece tirado da saga Torrente, pero non. Contrariando a nosa tradición dun Mr. Marshall que pasa de longo, irrompe na nosa entretida realidade de reparto de diñeiro negro un auténtico playboy chamado Sheldon Adelson, disposto, segundo algúns, a canalizar a nosa natural tendencia á corrupción construíndonos a cidade de Barbie para o xogo e a perdición: Eurovegas. Entón, os mesmos que non pagan o IVE aos carpinteiros que lles poñen unhas portas novas, que asumen con normalidade que haxa unha tragaperras en cada bar, que aceptan anuncios de casas de apostas en Internet nos intermedios do fútbol, que buscan recomendación para saltar a lista de espera na Seguridade Social, que mercan revistas e películas pornográficas, escandalízanse de que ao sur de Madrid vaian construír unha cidade para as diversións nacionais reconcentradas. Como seguramente lle dixo a Adelson Esperanza Aguirre, no seu inglés de fonda pronuncia chulapa, This is Spain, my friend.

Tamén me fai graza, e moita, que se busque o positivo dese suposto reconcentrado de antros de perdición chamado Eurovegas na posibilidade de recuperación do negocio da construción que paliaría a crise. Si, señor. This is Spain, efectivamente, un deses lugares onde unha burbulla tapa á outra. E entre tanto, ninguén pensa seriamente e sen moralismos en deixarnos de historias e cambiar España desde abaixo, pois os nosos gobernantes saen dese mesmo pobo superficial ao que lle parece mal Eurovegas e logo xoga masivamente á lotería cada 22 de decembro.