Os meniños dos hospitais

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

25 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai outras aulas de clase diferentes, nas que ensinanza e curación nunca estiveron tan unidas. Son as escolas dos hospitais do Sergas, ás que asisten nenos con graves enfermidades ou trastornos. Complexos tratamentos, sobre todo de tipo oncolóxico, neurolóxico ou psicolóxico, mantéñenos ingresados por longos períodos de tempo. Para evitar a perda de escolarización ordinaria, hai xa trinta e cinco anos nacía en Santiago a primeira escola hospitalaria, hoxe denominada Camilo José Cela, en honor ao seu padriño e benfeitor.

Ruth Gómez foi a súa primeira docente e pioneira neste tipo de pedagoxía en Galicia. Falar con ela das súas experiencias paga a pena. Emprega un fermoso galego occidental e nalgún momento da conversa, inevitablemente, chora. A carga emocional é moi forte. Vive moi preto do sufrimento das familias e, sobre todo, dos meniños, moitos dos cales non entenden por que razón teñen que estar nun sanatorio e non estudando e xogando. Ruth axúdalles a vivir e a estudar con alegría e optimismo. Hoxe a escola conta tamén con dúas eficaces bolseiras, contratadas pola Fundación María José Jove. Non é doado compaxinar a hospitalización coa necesidade de fomentar o estudo e a aprendizaxe, cara a unha posible volta á escolarización ordinaria, tentando evitar sempre o fracaso escolar. Estas son escolas de paso e nelas, xa que logo, as funcións preventiva, terapéutica e educativa van sempre da man.

A escola é unha familia de familias, que organizan todo tipo de actividades, teñen obxectivos comúns e, sobre todo, moita esperanza. A medicina avanza rápido e cada vez hai máis remedios para estes nenos. Ben o saben os xefes do servizo de pediatría, doutores Peña, Tojo ou Martinón, os cales, con outros profesionais do CHUS, veñen salvando vidas, en moitas ocasións pendentes dun fío.

Diversas institucións e mesmo persoas altruístas axudan a esta escola. Destacan a citada Fundación María José Jove e a Fundación Andrea, ou os empresarios Amancio Ortega e Roberto Tojeiro. Poucos coñecen que o creador de Inditex pon a disposición das familias destes nenos un piso, preto do hospital, para que poidan estar cómodos e pendentes deles. Ben saben todos da importancia da saúde, especialmente para os que están empezando a súa vida.