Adaptando o Sol

Jorge Mira< / span> EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

31 mar 2013 . Actualizado a las 08:00 h.

O Sol vai cambiando a súa maneira de alumea-la Terra ao longo do ano. Coa entrada da primavera, a duración do día é maior que a da noite, un efecto que é máis acusado a medida que nos alonxamos do ecuador e a medida que avanzamos ata finais de xuño, onde o día para nós chegará a durar arredor de 15 horas e media e a noite só 8 horas e media. Por esta razón, a inmensa maioría dos países desenvolvidos ubicados fóra da zona tropical cambian o seu horario, como se fixo aquí hoxe seguindo unha directiva da Unión Europea. É unha medida análoga a programa-lo temporizador que prende unha lámpada para optimiza-lo seu servizo. Hai unha razón obxectiva, que é a de centra-la luz diurna nos nosos horarios de maior actividade, beneficiando así ao maior número de persoas e obtendo aforro enerxético: por exemplo, hai bastante máis xente para aproveita-la luz natural ás 8 ou 9 da tarde que ás 6 da mañá e, deste xeito, gañámoslle unha hora á noite e redúcese o seu consumo eléctrico. Cando estemos no outono, haberá que face-lo cambio inverso porque, de non facelo, en Nadal sería de noite ás 9 da mañá.