A hora de España

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

O novo cambio de horario volveu destapar en La Voz un vello asunto: a hora oficial de España. Tempo atrás -durante o Goberno PSdeG-Bloque Nacionalista Galego- neste xornal librouse unha batalla dialéctica que derivou desde o medioambiental, laboral ou psicolóxico no absurdamente político. Algún polemista de Letras chegou a dicir que os partidarios de atrasaren a hora en Galicia eran uns separatistas vendidos ao ouro de Lisboa. Aínda ben que xente de Ciencias esgrimiron outros argumentos, hoxe repetibles.

O problema non é o absurdo do horario galego (o brasileiro máis galeguista de todos, Jorge Amado, dicía que el descubrira «as 10 da tarde» en Vigo). Quen teña nenos sabe o que é querelos sacar da praia no verán para deitalos... O problema é a hora española: os madrileños xa soportan unha hora e vinte minutos de diferenza co tempo solar.

Un núcleo duro centralista -que nunca navegou- parece descoñecer que o meridiano de Greenwich, o da hora «0 GMT», Greenwich Mean Time, pasa por Castellón, ao leste da capital de España.

Sendo así, a hora oficial do Estado debería ser a mesma que a de Gran Bretaña e Portugal, países da Unión Europea que se saben fóra do fuso «0 GMT + 1», correspondente ao centro de Europa (como Grecia, no extremo oriental da Unión, se sabe no «0 GMT + 2» e engade sesenta minutos).

Só unha pequenísima parte da península ibérica fica fóra do «fuso 0»: Cataluña. Se cadra, os cataláns -para marcaren de novo as súas diferenzas- se queiran manter con horario central europeo. Eles serían os «separatistas». Non os galegos, fartos de madrugaren á forza.