A difícil memoria

OPINIÓN

15 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

O recente libro póstumo de Fernando Pérez-Barreiro, Amada liberdade, vén arrequecer o noso memorialismo, inexistente ata hai dúas décadas e xa vizoso nos nosos días. Do xeral ninguén lembrar nada de onte, pasamos ao lembrar, pode que xa de máis, de hoxe. Non está nada mal.

Dun home brillante como foi Fernando o lóxico era agardar as moi brillantes páxinas que este libro contén, tantas que non poderíamos sinalalas todas. Pero si, ao meu ver, as que se refiren á súa infancia e primeira mocidade en Viveiro e Ferrol porque son páxinas, ademais, cheas de verdade. Aquí toca unha corda que, polo que se ve, é a máis antiga da súa personalidade: galeguismo placentario abrollando nun ambiente non tan hostil como se podería agardar.

O que contrasta coa práctica ausencia de memoria de etapas decisivas no seu decorrer vital, como foron os moitos anos de traballo na BBC de Londres e na Organización Internacional do Café. ¿Será posible que non lle merezan a menor consideración as moitas persoas e os non poucos amigos e compañeiros galegos e galeguistas que en tanto tempo alí tratou?

Debo confesar que me desconcerta que, non tendo, como non tivo, practicamente ningunha relación, ou só moi tardía, co grupo galeguista na década dos cincuenta -tratado neste libro con distancia e displicencia-, nin co seu mentor máis visible, dedique tantas páxinas a facer «memoria» dunha relación que el mesmo confesa que non tivo ningunha importancia.

A brillante prosa de Fernando déixame algo perplexo. Infelizmente, xa non está entre nós para aclararnos estas situacións que eu xulgo anómalas. Non sei se Teresa Barro, que engade ao libro unhas interesantes páxinas, poderá tirarnos desta impresión de insatisfeitos que tan suxestivo libro nos deixa. Oxalá poida facelo.