Unha aclaración necesaria

M.ª Pilar García Negro DE COTÍO

OPINIÓN

26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

No pasado domingo, en entrevista publicada neste xornal, Xosé Manuel Beiras atribúeme unhas afirmacións que eu non realicei no sentido en que el as reproduce, derivadas, supoño, de non ver o programa de V Televisión en que interviñen ou de estar mal(evolamente) informado. A preguntas da directora, eu lembrei como a campaña das eleccións autonómicas de Anova, asociada a Esquerda Unida, alimentouse das concellerías e alcaldías obtidas dentro do BNG e ao seu amparo, e non devolvidas a esta organización, unha vez abandonada. Non falei das cadelas que custou a tal campaña, senón de algo tan evidente como que todo o traballo municipal realizado desde 2011 polas/os membros das candidaturas do BNG que resultaron electos entrégase a unha outra sigla, de modo e maneira que o BNG valeu, seica, para se facer con actas de representación municipal, mais xa non para concorrer ás autonómicas. Retense a representación obtida ao abeiro do BNG e, asemade, cáptase o voto para unha outra alternativa. ¿Como se chama isto: dobre moral, táctica do cuco, dualismo oportunista? Limiteime a constatar un feito.

Nunha posterior información do luns, día 22, menciónase que «Beiras cargó de nuevo contra "conspicuos cargos dirixentes" del BNG que lanzan ?invectivas?» como a descrita arriba. Chámame a atención que X. M. Beiras, que coñece ben a semántica da lingua, confunda invectivas (inxurias, ataques, diatribas?) con xuízos políticos, que unha servidora, como el e como todo o mundo, terá dereito a facer. El proprio fainos abondosamente, polo que non se debería estrañar de que outros, no noso lexítimo dereito de expresión, tamén os fagamos. ¿Ou é que aquí, así mesmo, reina a dobre vara de medir? ¿Liberdade absoluta para uns e resignación conformista para outros?

Unha última aclaración. Eu non teño nada de «dirixente». O único que dirixo é o tránsito na miña morada (e, ás veces, nin iso, pois bato cos libros...). Opino e escribo en varios medios de comunicación, cousa nada nova, pois lévoo facendo desde hai ben anos. Naturalmente, non vou pedir permiso para continuar a facelo. O BNG ten os seus portavoces e os seus órganos de comunicación pública e por eles se transmiten -outra obviedade- as decisións e as posicións da organización. Das miñas, de momento, encárgome eu.