Volver á realidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

P ensaba falar da Arxentina de regreso a casa: de como vin o país e de como nos ven eles a nós. Para os arxentinos, Galicia forma parte do seu mundo, da súa memoria. Galicia e os galegos, que para moitos son todos os españois, aínda que, chegado o momento, ben que distinguen: xente traballadora, integrada no país, se acaso «un algo cerrados, metidos dentro de sí», din, non coma os italianos, máis extravertidos e abertos, pero xente de fiar, ocupada preferentemente nos sectores da hostalería, a industria da alimentación, o comercio intermediario, pequenos e medianos negocios. Os fillos e os netos ascenderon na escala social, con estudos universitarios os máis deles, e na actualidade participan activamente na Administración, na vida académica, na dirección de empresas, na política. Cristina Fernández de Kirchner, a presidenta, é neta de galegos da Fonsagrada. O seu avó, Pascasio María Fernández, saíu con vinte anos da aldea de San Pedro de Neiro. O primeiro presidente da Arxentina tamén era descendente de galegos, Bernardino Ribadavia.

Pensaba falar da Arxentina e, nada máis baixar do avión, atópome coa realidade nosa, coma unha labazada. As últimas, sospeitamos que penúltimas disposicións do Goberno de Mariano Rajoy, con novos e durísimos axustes nas prestacións sociais e na economía son demoledoras. ¿Cando vai acabar isto? ¿Onde van aqueles «gromos verdes» que disque ían aparecer aos poucos meses, contra finais do 2009? Daquela citei a Biblia nestas mareas, o Libro da sabedoría. Sete vacas gordas e sete vacas fracas. A teoría dos ciclos. A pouco que botásemos contas decataríamonos de que a cousa viña para durar: non antes do 2015 para tocar fondo. ¡E xa hai quen fala do 2019! Atópome coa realidade nosa e lembro a dona Antonia, que saía os sábados ao patín a sacudir a esteira. ¡Como lle daba a señora! Os rapaces poñiámonos no valo da horta a ver como zurraba nas alfombras. Talmente.

A Administración española nega a información, pero segundo os xornais arxentinos arredor de 200.000 cidadáns españois arribaron nos últimos meses a aquel país na procura de traballo, moitos deles galegos. Coma nos vellos tempos. Isto tamén se move por ciclos. «Igual que nos anos oitenta e no 2001 saímos nós para alá, agora tócavos a vós». O que máis escandaliza é a corrupción. A corrupción e a dependencia. En apenas uns meses, a marca España pasou de ser unha referencia de progreso, cunha estabilidade digna de envexa, a ser unha realidade incerta, sometida ás estratexias económicas dos poderes financeiros da Europa rica (Alemaña fundamentalmente) e entregada ás prácticas de logreiros que levantaron auténticas fortunas e seica saen impunes da situación cando lles piden responsabilidades. Así é como nos ven. As cousas son como se perciben. ¡Un protectorado!, leo nalgúns xornais. Sei que pode parecer esaxerado, seguramente inxusto, pero abofé que non podo evitar a imaxe da señora Antonia na miña infancia, batendo os sábados nas alfombras.