Vidal Bolaño

Víctor F. Freixanes< / span>

OPINIÓN

19 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A xente do teatro non o está a pasar ben. Moita xente non o está a pasar ben. Non toda, porque unha das cousas que máis indigna da situación actual é o mal repartidas que veñen as cartas. Os croupiers non entenden de xustiza. Son uns profesionais. Traballan para quen traballan. Ía escribir que «a banca sempre gaña» (outro tópico do discurso), pero quixera pensar que non, que hai razóns (éticas, morais, sociais, de principios) que aínda poden ser escoitadas e priorizadas. O fatalismo, pensar que as cousas teñen por forza que ser así e non doutra maneira, é o principal argumento que utiliza o poder para impoñer a súa estratexia (e os seus intereses). Pero cando veñen atravesadas, a cultura é case sempre quen primeiro apaña. Porque o discurso dominante (non só o dos dirixentes políticos) segue a considerar a cultura coma un adorno, o floreiro que se pon na mesa os días de festa e axiña se retira cando hai que falar de cousas serias, porque estorba, ou incomoda.

Falamos de Roberto Vidal Bolaño e falamos, necesariamente, do teatro galego. Cando a Academia escolle a figura á que cada ano dedica o Día das Letras Galegas, non o fai ao chou, nin se refire unicamente á biografía meritoria do homenaxeado. Considera sobre todo, e moi fundamentalmente, a significación que en cada momento a escolla ten para poñer no foco do debate cuestións máis amplas que atinxen ao conxunto do sistema. O teatro é unha parte dese poliedro social que é a cultura: a capacidade que a sociedade ten para crear, discutir, abrir o debate crítico sobre o que somos e o que acontece ao noso arredor, avivando o discurso participativo da cidadanía. Poucos discursos tan lúcidos, brillantes e motivadores coma o que nos ocupa.

Lembrábanos a profesora Margarita Ledo o pasado xoves, citando a Manuel de Oliveira, a función didáctica que o teatro tiña na antiga Grecia (Aristófanes, Eurípides, Esquilo, alicerces da nosa cultura occidental): catarse social, foro de reflexión da colectividade. As institucións políticas non só mantiñan daquela os espazos escénicos e pagaban aos autores e aos actores, senón tamén ao público para que acudise ás representacións, conscientes da significación da arte participativa. As sociedades fanse (maduran) no debate sobre si mesmas e canto máis seguras e sólidas son máis capacidade crítica desenvolven. Só cando se senten débiles ou sen ideas reaccionan contra o discurso libre, afogándoo ou querendo convertelo en propaganda manipuladora.

O teatro galego, que desenvolveu unha importante cultura de fondo (e modernidade) dende os anos setenta para acó, non sen dificultades, mais cunha enorme capacidade de ilusión e esixencia profesional, conformou un universo propio sen precedentes na nosa historia, que mesmo atinxe ao sector audiovisual, formación de actores, técnicos e creadores, con proxección mesmo alén das nosas fronteiras. Un activo social que, aínda que alguén non o queira ver, é tamén un activo económico. Todo iso está en cuestión, porque o floreiro estorba, e incomoda.