Ibercom 2013

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis de seiscentas persoas, todas vencelladas ao xornalismo e a comunicación, participaron estes días no 13.º Congreso Internacional Ibercom, que ven de celebrarse na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela: un encontro que reuniu en Galicia estudosos e investigadores de distintos países, moi especialmente de Latinoamérica. Dos 629 participantes inscritos, máis de dous terzos procedían de Brasil, México, Colombia, Uruguai, Arxentina? Tamén doutras partes de España (193) e de Portugal. Como advertiu Enrique Bustamante nunha das primeiras palestras: «Agora que se cadra empezamos a deixar de comportarnos como novos ricos, está ben que viremos os ollos cara ao mundo iberoamericano e nos recoñezamos en moitas experiencias comúns».

Ás veces o máis estimulante destes encontros non está tanto no que se di nas comunicacións como nas conversas de sobremesa ou nos descansos das intervencións. O tema central dos debates era Comunicación, cultura e esferas de poder. «Sería bo que soubésemos establecer primeiro onde está realmente o poder», advertiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o día da inauguración. ¿Nas empresas? ¿Nos espazos da política? ¿Nos despachos financeiros? Nos profesionais non, dende logo, que exercen o vello oficio en condicións cada vez máis apuradas.

Nos decálogos deontolóxicos do xornalismo explicítase moi claramente que a información non é propiedade das empresas, nin dos poderes fácticos da economía ou da política, moito menos da vaidade dos que escribimos nos papeis. A información é un ben público que corresponde á cidadanía. Os propietarios da información, en termos estritamente democráticos, son os cidadáns. Entre os dereitos básicos dos cidadáns está o dereito inalienable a dispoñer de información veraz, documentada, accesible e honesta. ¿A realidade? Diso falamos estes días en Compostela.

Nunca dispuxemos (aparentemente) de tanta información e nunca tan condicionada, tan manipulada e confusa a recibimos. O exceso de información, que chega de todas partes, acaba converténdose en ruído. Nunca tan necesaria foi a profesionalidade e a honestidade dos xornalistas (e das empresas de comunicación), mediadores do acontecemento, e nunca tan vulnerables fomos. O poder impón as súas leis sen que acertemos exactamente a definir ou concretar onde residen ou habitan os seus mecanismos. ¿Nos mercados? Tamén disto falamos. ¿Quen son os mercados? ¿Quen os administra? ¿Como defender os principios da cidadanía nesta vertixe de intereses encontrados?

¿Qué entendemos por cultura? ¿A ditadura do beneficio e as audiencias? ¿A mecánica das subvencións? A concentración global de capital financeiro, a confusión cada vez maior entre cultura e entretemento, a ditadura do beneficio económico fronte ao servizo público, a aniquilación do espírito crítico, son algunhas das grandes cuestións que nos condicionan e degradan un modelo fundamental para a viabilidade (e a saúde) das sociedades democráticas. E todos, dun xeito ou doutro, estamos implicados.